Arante
Concello de Ribadeo
Arante
Parroquia situada no extremo sudoeste do municipio que limita polo norte coa da Devesa, polo leste coa de Cedofeita e polo noroeste coa de Covelas, co río Lexoso neste último caso facendo de fronteira natural entre as dúas. Polo oeste linda xa co municipio de Barreiros e polo sur co de Trabada.
Ten unha superficie de 14.09 km2, unha poboación de 169 persoas (INE 2024) e unha densidade de 17,45 habitantes/km2 que a converte na parroquia que presenta o valor máis baixo do municipio no que a este indicador se refire. Os seus veciños distribúense en 8 entidades de poboación: O Barredal (22 habitantes), Os Bestilleiros (22), Cei (42), Cima de Vila (16), Fondo de Vila (22), A Ponte (9), Remourelle (89), Vilamariz (24), e 5 lugares que forman parte de Remourelle: Os Fornos, A Madanela, As Pereiriñas, Portobragán e Rego de Mel.
Arante é unha das parroquias máis montañosas de Ribadeo, pero ten dous vales importantes: o do río Grande, no sector central, e o do Lexoso, ao norte, onde se agrupa a maior parte da súa poboación. A altitude máxima desta parroquia chega aos 440 metros.

Algo de historia
A parroquia de Arante aparece citada en varias ocasións no libro de Francisco Lanza Ribadeo Antiguo (1931), onde se cita a existencia dun castro levantado sobre un montículo natural. Trátase das mámoas ou medorras situadas no monte Pena Longa, nas proximidades de Remourelle, que destacan por ser as únicas coñecidas en todo o concello.
Durante o reinado de Filipe II, Ambrosio de Morales conseguiu unha autorización real para profanar estes túmulos, nos que se imaxinaba que atoparía grandes riquezas; é moi probable que as escavacións efectuadas fosen en realidade desa época. Os túmulos de Pena Longa terían entre 6 e 8 metros de diámetro e entre 3 e 5 de alto -un deles está escavado na propia rocha- e a datación que se lles supón sitúaos entre o 1800-1700 e o 600-500 a.d.C, ou o que é o mesmo, no neolítico, incluíndo a idade do bronce e a do ferro.
Equipamentos
Escola de Remourelle: Local con acceso gratuíto a internet.
Teleclube de Arante: Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Patrimonio
Construción de planta rectangular con muros de mampostería revestidos recentemente. O pórtico de acceso está formado por un entramado de madeira e cuberta a tres augas con cubrición de lousa e limas en tella cerámica curva. Presenta espadana dun só van.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Templo de nave con tellado a dúas augas, arco triunfal oxival e presbiterio con armadura interior de madeira, ao igual que a nave. Presenta frontis con portada en arco, espadana de dous vans e dúas portas nun dos seus laterais. No presbiterio consérvanse pegadas do arranque da bóveda. O retábulo maior é barroco e os seus muros gardan un singular exvoto pintado que relata a intervención milagrosa da Virxe a favor do navío Santa Catalina, en 1595.
As noticias máis antigas remontan a orixe deste templo a finais do século XIV, aínda que foi reformado nos séculos modernos. O estilo artístico data a obra na primeira metade do século XVI e pono en relación con outros traballos da época, especialmente co mestre das pinturas da catedral de Mondoñedo.
Na década de 1970 quedou ao descuberto un magnífico conxunto de pinturas murais que reflicten episodios da vida de María (fuxida a Exipto, visita ao templo, Asunción, Coroación…). A súa autoría e orixe son aínda descoñecidas.
Observacións
A finais de maio, sete semanas despois da Semana Santa, ten lugar aquí a popular romaría das Cruces. Xente con cruces en pendóns procedente das parroquias ribadenses de Ove, Covelas, Cedofeita e Arante e das de Sante, A Balboa e Vidal (Trabada) ondean os pendóns conmemorando a victoria inicial das xentes do lugar contra as tropas napoleónicas do xeneral francés M. FranÇois Fournier durante a Guerra da Independencia.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Edificio de planta cadrada e dúas alturas que presenta cuberta a catro augas formada por entramado de madeira con lousa e limas de tella curva de cerámica. Os muros presentan revestimento de morteiro e están branqueados. As portas teñen lintel e as ventás son rectangulares (con reixas na planta baixa do alzado principal e balaustrada na segunda planta).
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Xacemento de forma ovalar. Consta dun parapeto na súa parte máis alta ao que lle antecede un foxo que circunda practicamente o seu perímetro.
Observacións
Está adscrito á idade de ferro romana.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
O vestixio arqueolóxico máis importante dos achados nestas terras (se ben algúns expertos documentan a súa localización de orixe no principado de Asturias) é o diadema de Ribadeo, xoia que puido pertencer a unha dama ribadense do século V ou VI e que se considera como un dos restos máis importantes da ourivería castrexa peninsular.
Nela están representadas escenas de monta e doma de cabalos e figuras de guerreiros armados… e, aínda que non está moi clara a súa funcionalidade, todo apunta a que se debía empregar para cinguir a roupa ou como adorno para o cabelo, pescozo…
Observacións
Foron atopados tres fragmentos que se supón que pertencen a esta peza e que se conservan por separado: dous deles en Madrid, un no Museo Arqueolóxico Nacional e outro no Instituto de Valencia de Don Juan, e un terceiro no Museo Saint Germain-en-Laye de París.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Templo do século XVIII con reformas de 1931. Dispón dunha nave central cuberta por bóveda de canón e arcos de medio punto que rematan noutra bóveda de pavillón sobre tres arcos de pedra, tamén de medio punto. No seu interior hai tres retablos: dous deles barrocos e outro clásico. O frontis, con torre de aspecto neorrománico, remata en capitel.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Parroquias
Concello de Ribadeo
Parroquias
O Concello de Ribadeo está integrado por unha ducia de parroquias con notables diferenzas no que respecta á súa paisaxe, densidade de poboación, actividades económicas predominantes…
Todas elas teñen un espazo propio nesta web, onde poderás coñecer cal é a súa situación xeográfica e os lugares e/ou accidentes naturais cos que lindan, así como a súa extensión, densidade e núcleos de poboación, datos históricos máis relevantes, etc.
Asemade, tes a posibilidade de coñecer cales son as súas festas e de obter información sobre as praias, patrimonio artístico e natural, e aloxamentos e restaurantes que hai en cada unha delas.
Coa excepción daqueles equipamentos que se atopan en Ribadeo, parroquia que alberga a capital do municipio e da que atoparás ampla información en Servizos Municipais, podes consultar tamén os principais equipamentos públicos dos que dispoñen as parroquias ribadenses.
A ampliación e mellora destes últimos é un dos obxectivos principais marcados polo goberno local para a mellora das condicións de vida no rural ribadense.
Cedofeita
Concello de Ribadeo
Cedofeita
Cedofeita está situada na área central do sur do municipio, lindando ao norte con Covelas, ao sur co concello de Trabada, ao leste con Santalla de Vilasusende e Couxela e ao oeste con Arante. O río Grande, no que desauga aquí o regueiro de Queixoiro, sérvelle de fronteira natural nalgunhas zonas con Covelas mentres que, xa no sur, o rego de Ferreira fai o mesmo co municipio de Trabada.
Cunha superficie de 7,17 km2 e unha densidade de poboación de 24,4 habitantes/km2, Cedofeita suma 127 habitantes (INE 2024) en 11 entidades de poboación: Barreiros (12 habitantes), A Currada (26), A Igrexa (12), O Pedregal (7), A Ponte (abandonado), Requiande (34), Santo Antonio (6), Teixido (15), A Trapa (10), Queixoiro (7) e Piñeiro (46). Formando parte dalgunha destas entidades están tamén os lugares do Burgo, A Granda e A Torre.
Cedofeita é unha parroquia montañosa, con numerosos vales, na que se alcanza unha altitude máxima de 426 metros.

Algo de historia
Segundo Amor Meilán esta parroquia sería a antiga Cito Facha que xa figuraba no cambio feito polo bispo Paio de Cebeira co rei Afonso IX no ano 1202. Tivo o seu momento importante no século XIX, cando coas parroquias limítrofes crearon o concello de Cedofeita, independizándose así do municipio de Ribadeo. Non obstante, esta independencia durou pouco tempo xa que a integridade territorial do municipio de Ribadeo foi restaurada pola Xunta de Goberno da vila en 1843.
Equipamentos
Escola de Cedofeita: Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Teleclube de Piñeiro: Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Patrimonio
Observacións
Capela de planta rectangular e cuberta a dúas augas sobre armadura de madeira. O presbiterio, tamén cuberto con madeira, presenta arco triunfal. A espadana, que é sinxela e dun só van que alberga a campá, remata en pico e cunha cruz latina.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Construción de planta rectangular, muros de cachotaría e cuberta formada por entramado de madeira e limas de tella curva. A espadana presenta un só van onde está situada a campá e as portas e ventás posúen un lintel superior.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Capela do século XVIII de planta rectangular, cuberta a tres augas con entramado de madeira e muros de cachotaría. Presenta espadana dun só van.
Observacións
Está situada no recinto do pazo de Cedofeita.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Capela do século XVIII que presenta frontispicio con porta con lintel e nave cuberta a dúas augas sobre armadura de madeira con vigas tirantes. O presbiterio é moi elevado, cadrado e a catro augas sobre bóveda de aresta e arco triunfal de medio punto.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Templo situado no lugar do Pedregal.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Reconstruída no século XIX, a parroquial de Cedofeita posúe planta de tres naves. O primeiro tramo está cuberto con bóveda de canón e os tres restantes e mailo presbiterio con bóvedas de aresta. Presenta dúas sancristías aos lados e frontis presidido por unha torre de dous corpos rematada en cúpula.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Casa señorial de aspecto medieval construída entre finais do século XV e comezos do XVI por Lope García de Cedofeita. Presenta planta rectangular de dúas alturas e cuberta a catro augas e torre-cheminea. Os muros son de cachotaría de lousa con cantería de granito nos vans e nos puntais de esquina.
Como chegar
Sitúase a uns 8 quilómetros de Ribadeo, concretamente no lugar de Barreiros e a carón da estrada.
Observacións
O conxunto complétase cun hórreo, un pombal circular, un muíño e unha pequena capela de estilo rococó con espadana dun só van.
Todos estes elementos están rodeados por un muro alto con dúas portadas, unha das cales conduce á fachada principal, onde se atopa o escudo de armas, e a outra, orientada cara ao norte, que leva ata unha escaleira de pedra pola que se accede á vivenda.
O escudo de armas, de madeira, substitúe a un anterior de pedra e representa os liñaxes de Armada, Cid, Pedrosa, Sánchez…
A propiedade é privada e non se pode visitar.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Pombal que pertence ao pazo do mesmo nome.
Lugar
Parroquia: Cedofeita (Santa María Madanela)
Alcalde
Concello de Ribadeo
O Alcalde

O Concello de Ribadeo quere ser un concello aberto, próximo ao día a día de todos os veciños e veciñas e tamén moderno e eficaz.
O equipo de goberno de Ribadeo traballa con paixón e constancia pola mellora do benestar social da nosa veciñanza e polo progreso social, cultural e económico do noso concello. Estou seguro de que todos queremos o mesmo. Os axentes sociais e económicos, as institucións, a veciñanza… Entre todos podemos seguir construíndo un concello máis solidario, máis emprendedor, máis igualitario e con maior calidade de vida.
Ribadeo ten hoxe en día, a pesar do difícil contexto económico que atravesa a nosa sociedade, a posibilidade de medrar e de se converter nunha pequena cidade que faga da conciliación do progreso económico e do benestar social a súa marca de calidade, a súa identidade como concello. Queremos un Ribadeo aberto, habitable e humano, onde as persoas sexan o máis importante.
Polo demais, o equipo de goberno que presido non esquece que a atención e a proximidade para coa cidadanía e a humildade e compromiso no traballo que nos corresponde deben ser os piares da nosa labor política á fronte do Concello.
Desde aquí mándovos o meu máis cordial saúdo.
alcaldia@ribadeo.gal
Daniel Vega Pérez.
Alcalde de Ribadeo.
Benvidos ao Concello de Ribadeo
Novas de Ribadeo
Concello de Ribadeo
5 Agosto, 2026
Seguen estes días na praia dos Bloques as actividades de verán
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 ata o venres.
4 Agosto, 2026
Ribadeo recupera o lavadoiro e a fonte do Cristo de Rinlo.
O investimento foi de 32.250 euros aportados pola Xunta de Galicia.
31 Xullo, 2026
O monte de Santa Cruz loce nova imaxe.
Á nova iluminación únese a mellora no pavimento da estrada de baixada.
30 Xullo, 2026
Ribadeo demanda ante Portos de Galicia melloras nas zonas portuarias de Rinlo e de Porcillán.
O alcalde, Dani Vega, fixo valoración moi positiva tras a xuntanza mantida coa presidenta do ente, Natalia Botana.


































