Concello de Ribadeo

Prevención de drogodependencias

O fenómeno do consumo de drogas variou nos últimos anos, incorpóranse novas substancias, aumenta o consumo de substancias legais, diminúe a idade de inicio na súa utilización… Todo isto fai que a prevención destaque como unha ferramenta fundamental para evitar ou atrasar o seu consumo.

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Ribadeo comezou a funcionar en 1996 e está atendido nestes momentos por unha profesional da psicoloxía que traballa en diferentes ámbitos de prevención (escolar, familiar…). Neles, fóronse poñendo en marcha numerosos programas, deseñados con base en modelos de prevención psicosocial e sociocultural, cuxos obxectivos máis importantes son:

Educar ás persoas para que sexan capaces de manter relacións responsables coas drogas.
Atrasar a idade de inicio de consumo
Modificar aquelas condicións do contorno sociocultural que favorezan a aprendizaxe do comportamento do uso de drogas
Intervir nas causas do malestar individual, ben modificando aquilo que o produce, ben axudando ao suxeito a superalo

Estes son algúns dos programas máis relevantes que ten levado a cabo o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias:

Cinensino
Programa de prevención do consumo de drogas dirixido a mozos/as de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria a través do cine. Ao longo do curso os rapaces ven 3 longametraxes que se proxectan no Cine Teatro acompañados polos seus titores e por responsables municipais do programa. Logo de cada proxección, os alumnos traballan na aula unha Unidade Didáctica sobre a película que se envía a finais de curso a ESTINGA S.A., organizadores do programa. Entre os obxectivos deste programa están os de atrasar a idade de inicio do consumo de drogas entre o alumnado; potenciar a súa capacidade de decisión, autonomía persoal e autocoñecemento; potenciar o profesor como figura de prevención.

Programa de prevención de consumo de drogas na escola

A través dunha serie de materiais didácticos os titores traballan cos/as alumnos/as de 3 a 18 anos na prevención do consumo de drogas. Cada alumno/a de Educación Primaria ten un caderno axeitado á súa idade co que aprende mediante fichas unha serie de valores de prevención de drogodependencias e educación para a saúde. Os obxectivos deste programa son, fundamentalmente, diminuír os consumos de tabaco, alcol e hachís nos mozos/as e modificar as súas actitudes de cara ás drogas, mellorando a súa resistencia á presión de determinados grupos e axudándoo a facer unha utilización positiva do seu tempo libre.

Komikea
Baixo este título editouse unha revista de banda deseñada con fins preventivos, realizada polos propios mozos e mozas dos últimos cursos de ESO e de Bacharelato. Trátase de varios comics debuxados e deseñados por eles mesmos que posteriormente foron publicados como revista e repartidos entre todos/as os/as mozos/as de 15 anos ou mais. Esta revista elaborouse grazas á colaboración dos centros de ensino, que permitiron a formación dos rapaces tanto en prevención de drogodependencias como en elaboración de cómics dentro do horario escolar. No vindeiro curso 2008-2009 realizarase unha segunda edición.

Intervención socioeducativa na aula para ESO e EPO
O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias pon en marcha tamén programas de intervención na aula dirixidos a alumnos de 5º e 6º de EPO e de ESO. A intervención en EPO consta de 5 obradoiros:

Conceptos básicos en drogodependecias
O alcohol. Desterrando mitos
Obradoiro sobre autoestima
Obradoiro sobre presión de grupo e aprender a dicir non
Obradoiro sobre publicidade do alcohol e o tabaco

A intervención en ESO e/ou Bach consta de 2 obradoiros:

Obradoiro sobre alcohol
Obradoiro sobre cannabis

Os obxectivos destes programas son informar e formar ao alumnado sobre drogas legais e ilegais; axudarlle a desenvolver estratexias para saber resistir a presión do grupo e fomentar o espírito crítico con respecto da publicidade das drogas legais.

Programa Radares
Os radares son alumnos/as elixidos/as entre voluntarios/as para representar ao colectivo escolar e servir de enlace entre os mozos e mozas e o propio Concello, de maneira que estes/as poidan expor as súas suxestións aos responsables municipais. Deste xeito, poderemos organizar aquelas actividades que máis lles interesen. Este programa foi realizado en colaboración coa Oficina de Información Xuvenil, e realizouse por primeira vez durante o curso 2007-2008. Elixíronse en cada centro 2 radares, un para ESO e outro para Bacharelato, coa excepción do CIFP Porta da Auga, no que se elixiu un único radar para toda a Formación Profesional.

As funcións dos radar foron as de atender un taboleiro e un punto informativo, reunirse semanalmente cos responsables municipais, recoller as demandas dos/as mozos/as con respecto ás actividades que lles gustaría que se realizasen desde o Concello, e crear e atender unha conta de correo electrónico creada especificamente para eles.

Cambio de sentido
Os accidentes de tráfico seguen sendo a primeira causa de mortalidade entre a mocidade de 15 a 24 anos, de aí a urxencia de realizar programas preventivos xa nas autoescolas, espazo ideal para chegar aos mozos e mozas que están sacando o permiso de conducir.

Os/as alumnos/as reciben un manual que contén información relevante sobre a seguridade vial e o impacto na mesma do consumo do alcohol e outras drogas. Así mesmo, reciben tamén unha charla informativa sobre a ilusión de invulnerabilidade, o uso racional do alcol, recomendacións no caso de ter pensado beber alcol, como actuar ante unha intoxicación de alcol e medicamentos, drogas e conducción…

Este programa comezou a desenvolverse o 18 de xullo de 2008 na autoescola Fama e os seus obxectivos son:

Mellorar a información dos alumnos e alumnas nas autoescoelas en relación ós riscos asociados á conducción de vehículos baixo os efectos do consumo de alcohol e outras drogas
Incrementar a percepción de \”vulnerabilidade persoal\” derivada da conducción dun vehículo tras haber inxerido alcohol e/ou outras drogas
Reducir número de accidentes entre os mozos nos que interveñen o alcohol e outras drogas
Reforzar a motivación para evitar o uso do vehículo cando se superen as taxas máximas de alcoholemia permitidas
Promover entre os alumnos das autoescolas alternativas á conducción baixo os efectos das drogas

Xornadas Ribadenses sobre Drogodependencias
En 2006 celebráronse as X Xornadas Ribadenses sobre Drogodependencias analizando a relación ente medios de comunicación social e drogas.

\’Cousas que che interesan como pai/nai: guía sobre drogodependencias\’
Baixo este título editase esta guía para pais e nais de mozos/as de entre 10 e 18 anos. Nela, infórmase sobre os programas realizados, os recursos que existen, os factores de risco e protección, os conceptos básicos e a clasificación das drogas, etc…