Concello de Ribadeo

Axenda 21

A Axenda 21 Local pódese definir como unha metodoloxía de diagnose ambiental, social e económica para definir as actuacións que logren un desenvolvemento sostible implicando a participación dos cidadáns.

O Concello de Ribadeo asinou a Carta de Aalborg o 22 de maio de 2002, adheríndose así á Campaña Europea das Cidades e Poboacións Sostibles e comprometéndose á elaboración dunha Axenda 21 Local para o seu ámbito territorial.

A sinatura desta carta implica o compromiso de elaboración da súa Axenda 21 cos seguintes principios básicos:

Conservar a calidade do aire, da auga e do solo de maneira que permitan soster a vida humana e o seu benestar á vez que a vida dos animais e vexetais

Minimizar as emisións de contaminantes ao aire, auga e solo de forma que non se exceda a capacidade natural destes para absorbelos e procesalos

Manter a diversidade biolóxica (número de especies e abundancia de especies animais e vexetais)

Diminuír o ritmo de consumo dos recursos non renovables, así como axustar o consumo dos renovables de xeito que permita a súa renovación

Mellorar as condicións do ámbito urbano e garantir as funcións sociais e económicas da cidade

Promover a igualdade e a xustiza social

Tras un primeiro intento que non tivo continuidade, no ano 2010 co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia o Concello de Ribadeo volve a intentar acometer o desenvolvemento da Axenda 21 Local.

Ao longo do ano 2011 a empresa consultora SIGNO desenvolveu o Informe de Diagnóstico e fixo unha proposta de Plan de Acción, que con algunhas modificacións foi aprobado polo Comité de Xestión en outubro do mesmo ano. A composición do Comité está aberta a quen queira entrar nel para colaborar no deseño do desenvolvemento sostible do noso concello.

Na actualidade estamos a traballar na definición da mecánica de funcionamento do devandito Comité, que será o encargado de facer a priorización posta en marcha e seguimento das numerosas medidas contidas no Plan de Acción.

Documentación relacionada

Índice da diagnose da Axenda 21 | PDFD.A.F.O. | PDF