O Auditorio Municipal Hernán Naval acollerá o 25 de setembro un programa con mesas redondas, participación de mozos e mozas ribadenses e unha homenaxe a Fernando Morán López

RIBADEO EUROPA 2026

O Concello de Ribadeo celebrará o vindeiro 25 de setembro os 40 anos da entrada de España na Unión Europea cunha xornada dedicada a abordar o proxecto europeo, os seus retos e oportunidades e a súa relación con Galicia e Ribadeo.

O programa comezará ás 11:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval cunha mesa redonda institucional na que participarán o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega Pérez; o eurodeputado Adrián Vázquez Lázara, e a subdirectora xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Mar Rodríguez Mediavilla.

Ás 12:00 horas será a quenda da mocidade ribadense, cunha mesa redonda na que seis mozos e mozas con vocación europea e internacional compartirán as súas experiencias e a súa visión sobre os retos e oportunidades que ofrece Europa. Participarán María Teijeiro García, Antía Enríquez Martínez, Kevin López Orosa, Carolina Yáñez Santana, Fernando García del Río e Paula Rodríguez Folgueira.

A xornada continuará ás 13:00 horas co peche institucional e unha homenaxe a Fernando Morán López, antigo ministro de Asuntos Exteriores de España. O programa rematará ás 14:00 horas cun ágape que servirá como punto de encontro entre as persoas participantes.

Baixo o lema “Ribadeo, 40 anos sendo Europa”, a xornada conmemora estas catro décadas de pertenza de España á Unión Europea e ofrece tamén un espazo para compartir experiencias e abordar o papel da mocidade e os retos aos que se enfronta Europa na actualidade.

Ir o contido