Concello de Ribadeo

Atención ao/á inmigrante

Os procesos de acollida da poboación inmigrante adquiren unha importancia relevante no eido da administración local, por ser esta a que está máis preto da cidadanía. Nela, detéctanse as principais necesidades e demandas da poboación retornada e inmigrante e, en consecuencia, desenvólvense os primeiros procesos de acollida, información, orientación, atención e integración deste colectivo.

Os concellos configúranse como as entidades ás que se dirixe inicialmente a poboación retornada e inmigrante para buscar resposta ás súas demandas e para acceder aos recursos existentes. Desde a Oficina de Atención e Asesoramento a Inmigrantes do Concello de Ribadeo, entendemos que a integración debe ser un proceso bidireccional e baseado nos dereitos e obrigas de estranxeiros e autóctonos.

O noso obxectivo principal é prestar unha atención integral e efectiva ao colectivo inmigrante para:

  • Facilitar o seu proceso de integración no medio social, cultural e económico do municipio, mediante un conxunto de prestacións e programas.
  • Promover a súa participación e integración na sociedade na que han de convivir, desde o respecto mutuo.
  • Informar, orientar e asesorar para tratar de lograr a súa atención integral, converténdoos en persoas cada vez máis autónomas e coñecedoras dos recursos dispoñibles.
  • Atender ás preguntas máis frecuentes que formulan s/as usuarios/as deste servizo: reagrupación familiar, nacionalidade, autorizacións de traballo e residencia, renovacións de permisos e pasaportes...

Co fin de ir materializando os seus obxectivos, a Oficina de Atención e Asesoramento a Inmigrantes puxo en marcha os seguintes programas:

Programa de reforzo educativo

A finalidade deste programa de apoio e compensación educativa é atender o desfase curricular derivado da procedencia de outros sistemas educativos e á aprendizaxe das linguas do país de acollida, así como reforzar o sistema de axudas no ámbito escolar.

Programa de promoción da educación cívica intercultural

Este programa ten por finalidade a realización de actividades de educación intercultural e para a tolerancia a través de prácticas e talleres educativos, xogos infantís e outras actividades similares. A súa finalidade é promover o coñecemento mutuo e o respecto das características propias de cada cultura e de fomentar actitudes positivas ante o feito da diversidade entre a poboación escolar galega.

Programa de promoción do emprego

Programa deseñado para desenvolver actividades que contribúan a incrementar o acceso ao emprego do colectivo e a proporcionar unha formación útil de cara a favorecer a súa inserción laboral.

Programa de apoio a mulleres inmigrantes

Este programa engloba as accións dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes. Entre as accións que se van a desenvolver inclúense aquelas destinadas a proporcionar información, asesoramento, inserción social e laboral, accións formativas e educación para a saúde, entre outras.

Programa de sensibilización cidadá

Neste programa inclúense proxectos que teñan por obxecto establecer espazos de encontro e contextos que favorezan o diálogo entre ambas as dúas poboacións, promovéndose valores de respecto, tolerancia e solidariedade que eviten no futuro actitudes racistas e xenófobas.