Concello de Ribadeo

O Alcalde

O Concello de Ribadeo quere ser un concello aberto, próximo ao día a día de todos os veciños e veciñas e tamén moderno e eficaz.

O equipo de goberno de Ribadeo traballa con paixón e constancia pola mellora do benestar social da nosa veciñanza e polo progreso social, cultural e económico do noso concello. Estou seguro de que todos queremos o mesmo. Os axentes sociais e económicos, as institucións, a veciñanza… Entre todos podemos seguir construíndo un concello máis solidario, máis emprendedor, máis igualitario e con maior calidade de vida.

Ribadeo ten hoxe en día, a pesar do difícil contexto económico que atravesa a nosa sociedade, a posibilidade de medrar e de se converter nunha pequena cidade que faga da conciliación do progreso económico e do benestar social a súa marca de calidade, a súa identidade como concello. Queremos un Ribadeo aberto, habitábel e humano, onde as persoas sexan o máis importante.

Polo demais, o equipo de goberno que presido non esquece que a atención e a proximidade para cos cidadáns e a humildade e compromiso no traballo que nos corresponde deben ser os piares da nosa labor política á fronte do Concello.

Desde aquí mándovos o meu máis cordial saúdo.

Daniel Vega Pérez.
Alcalde de Ribadeo.