Concello de Ribadeo

Biblioteca

A Biblioteca Municipal de Ribadeo, de nome Biblioteca El Viejo Pancho, está situada no lugar coñecido como O Patín (na rúa Antonio Otero, 17) e consta de dous andares.

No andar baixo está a sala de lectura xeral (con 20 postos para nenos e nenas e 40 para persoas adultas), o fondo local, a hemeroteca, o depósito infantil e xuvenil e unha sala para os máis pequenos, o recanto dos contos ( onde poden gozar dun espazo especialmente dedicado para eles e sempre acompañados dalgunha persoa adulta).
No primeiro andar está a sala Dionisio Gamallo Fierros, a sala iberoamericana o fondo antigo e o depósito xeral.

A Historia
A Biblioteca ‘El viejo Pancho’ é unha das principais institucións culturais da vila e tomou o seu nome actual (pseudónimo do escritor local José María Alonso Trelles y Jarén) en 1957, cando se refundiu e ampliou a que existía dende 1941 e cuxa orixe estaba na unión dos fondos das bibliotecas creadas por vellas sociedades culturais ribadenses, como a do Ateneo, de 1915, ou a Biblioteca Popular Circulante, de 1927.

Na creación e no coidado de todas estas bibliotecas participaran no seu momento destacados intelectuais, como os fundadores do Ateneo (Manuel Margolles Déspora, Francisco Lanza Álvarez, Camilo Cancio Quindós e Amancio Pérez Martínez) ou os que lle deran vida á Biblioteca Popular Circulante (Gregorio Sanz García, Amando Suárez Couto e Camilo Barcia Trelles). Entre os artífices da refundación de 1957 estaban Dionisio Gamallo Fierros, Justo Barreiro Martínez, Amando Suárez Couto, Daniel Cortezón Álvarez e Domingo Rodríguez Fernández.

A biblioteca municipal pasou por diferentes locais no período no que aínda non tiña o carácter de centro oficial do Concello. Despois da Guerra Civil ocupara o vello local do Ateneo na rúa San Francisco, deseguido os baixos do Pazo de Ibáñez e, en 1957, instalouse na Torre dos Moreno para pasar, en 1996, ao seu actual emprazamento na rúa Antonio Otero no edificio do Patín onde estivo situada a antiga escola de náutica e unha academia de ensino medio.

Os fondos
A Biblioteca municipal consta na actualidade cuns 60000 volumes. Destes volumes, incluídos os das doazóns de Daniel Cortezón e de Dionisio Gamallo, se poden consultar no catálogo en liña da Rede de Bibliotecas de Galicia, na seguinte ligazón:

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal

O fondo Dionisio Gamallo Fierros está situado no primeiro andar da Biblioteca Municipal. Pódese consultar a través do Catálogo Meiga das Bibliotecas Públicas Municipais de Galicia.

O fondo Daniel Cortezón atópase na Casa El Viejo Pancho, onde están situados os servizos da Concellaría de Cultura.

Os fondos catalogados poden consultarse na web da rede de Bibliotecas de Galicia.

A Hemeroteca
Ribadeo é un dos municipios máis relevantes de Galiza no que a produción xornalística respecta, un feito que se reflicte na riqueza dos fondos que contén a hemeroteca municipal. Nela, reúnense publicacións locais de carácter periódico entre as que merecen especial mención, polo número de exemplares conservados, os semanarios Las Riberas del Eo, La Comarca e a súa continuación La Comarca del Eo. Destes, podería dicirse que se conservan practicamente as coleccións completas desde o ano 1957 ao tempo que, nos últimos meses e grazas á colaboración veciñal, aumentou o número de orixinais ou copias de exemplares doutros anos.

Outras publicacións que se poden consultar, aínda que xa en menor número, son El Ribadense, Bandera Católica, El Eo, El Radical del Eo ou El Pequeño Escolar. Tamén é posible atopar nela programas das festas patronais, desde os máis antigos aos máis recentes ou coleccións xa completas de xornais e revistas como Beiramar, Novo Amencer, Orballo, KM0, Xerfa e os suplementos de El Progreso e La Voz de Galicia dedicados á Mariña.

Documentación relacionada

Información novo carné | PDFFaite socio en liña