As solicitudes poden presentarse do 21 de outubro ao 4 de novembro.

A concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz, explicou que “é unha iniciativa que reforza a aposta municipal pola promoción da artesanía e polo recoñecemento do traballo dos profesionais que, a través das súas creacións, contribúen a preservar os oficios artesanais, impulsar a creatividade e ofrecer produtos únicos e diferenciados”.

O mercado desenvolverase no Campo de San Francisco do 4 ao 8 de decembro de 2026, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Durante cinco días, este espazo converterase nun escaparate para artesáns, creadores, deseñadores e produtores gastronómicos, cunha especial atención aos produtos de elaboración propia e ás propostas que destacan pola súa orixinalidade, calidade e carácter singular.

Saiz indicou que “a promoción da artesanía constitúe un dos eixos fundamentais desta edición do Mercado de Nadal. O Concello busca dar maior visibilidade ao traballo artesanal, favorecer o contacto directo entre os profesionais e o público e crear novas oportunidades para a difusión e comercialización das creacións artesás. Con esta finalidade, o 75 % dos postos dispoñibles reservarase para obradoiros artesanais acreditados, reforzando así esa presenza dos profesionais que desenvolven unha actividade artesanal recoñecida. O 25 % restante poderá destinarse a outros creadores e deseñadores cuxas propostas se axusten á temática e aos obxectivos da convocatoria”.

E subliñou que “a iniciativa o que pretende é converter o mercado nun espazo de referencia para descubrir e adquirir produtos artesanais, coñecer o traballo que hai detrás de cada creación e valorar a dedicación, a técnica e a creatividade que caracterizan os oficios artesáns. Ao mesmo tempo, busca contribuír á sustentabilidade económica destas actividades e ao fortalecemento do tecido produtivo local. As bases reguladoras prohiben a revenda de produtos industriais ou elaborados por terceiros, co propósito de garantir unha oferta diferenciada e priorizar as creacións propias. Deste xeito, o mercado aposta por un modelo comercial no que a autenticidade, a calidade e o traballo artesanal sexan os principais elementos distintivos”.

A edil ribadense anima a participar no Mercado de Nadal: “desde o Concello de Ribadeo animamos especialmente aos obradoiros artesanais acreditados, así como ás persoas artesás e creadoras interesadas, a participar nesta nova edición e aproveitar este espazo para dar a coñecer as súas creacións, ampliar a súa visibilidade e achegar o seu traballo á veciñanza e ás persoas visitantes”.

Ir o contido