Concello de Ribadeo

Queima de restos vexetais

A ORDENANZA PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS E A SALVAGARDA DAS CONDICIÓNS DE LIMPEZA, ORNATO, SALUBRIDADE E SEGURIDADE DOS TERREOS POLA QUE SE REGULAN AS PLANTACIÓNS ARBÓREAS, AS OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA E OS USOS DO LUME NO SOLO URBANO, DE NUCLEO RURAL E URBANIZABLE DO CONCELLO DE RIBADEO, no seu capítulo III, regula o uso do lume en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable no termo municipal de Ribadeo.

Así, poderanse queimar restos vexetais procedentes de hortas e xardíns en solo urbano, de núcleo rural e solo urbanizable, cos debidos coidados, debendo ser comunicado previamente ao Concello de Ribadeo a través do Anexo I desta Ordenanza.

Non obstante, queda prohibida calquera tipo de queima en época declarada de perigo alto de incendio e, fóra desta época, cando o índice de risco diario de incendio sexa alto, moi alto ou extremo.

O uso do lume nas festas festas locais ou de arraigada tradición popular dentro de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable requirirá autorización previa do Concello, na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención de incendios forestais.

As queimas en solo rústico son competencia da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural.

Requisitos:

Á hora de facer uso do lume en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable deberá, cando menos, respectarse as seguintes medidas preventivas:

  • A queima non se iniciará antes de saír o sol e quedará totalmente extinguida dúas horas antes do momento da súa posta.
  • Previamente ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.
  • Non poderá iniciarse ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciados os traballos se producise a aparición de vento, suspenderase inmediatamente a operación procedendo a apagar o lume.
  • Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
  • Concello de Ribadeo poderá suspender temporalmente as comunicacións de queima, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan.
  • A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houbera lugar no caso de producirse un incendio forestal ou calquera outro tipo de afección negativa polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia.

Lugar de solicitude:

A comunicación (Anexo I), debidamente cuberta, debe entregarse nas Oficinas Municipais (en horario de 9:00 a 14:00 horas).

En solo rústico a queima de restos vexetais deberá tramitarse ante a Consellería do Medio Rural, a través da web queimasweb.xunta.gal ou do teléfono 012.

Documentos relacionados

Anexo I.- Modelo De Comunicación De Queima De Restos Vexetais | PDFOrdenanza | PDF