Concello de Ribadeo e Xunta asinaron esta mañá o convenio para a rehabilitación de Casa Maseda.

Concello de Ribadeo e Xunta asinaron esta mañá o convenio para a rehabilitación de Casa Maseda. O edificio estará destinado a oficina de turismo e a punto de atención ao peregrino.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “hoxe firmamos o convenio coa Xunta para que Turismo de Galicia financie 100 % as obras de Casa Maseda. Casa Maseda é un edificio que cando chegamos ao goberno estaba realmente abandonado e tomamos a decisión de expropialo e convertelo nun espazo público, con dous obxectivos: oficina de turismo e punto de atención ao peregrino”.
O rexedor indicou que “está nun punto estratéxico en Ribadeo, evidentemente pasa o Camiño por diante de Casa Maseda, polo tanto ese acollemento, ese asesoramento ao peregrino e tamén na oficina de turismo para promocionar Ribadeo e promocionar Galicia conxuntamente. Ribadeo é porta de entrada a esta comunidade e polo tanto consideramos que a Xunta ten que ter un espazo para dar a coñecer Galicia Calidade”.
Vega agradeceu o apoio económico da administración galega: “eu creo que hai que agradecerlle á Xunta de Galicia que financie 100% estas obras, son 880.000 euros de investimento, iso supón que o Concello non terá que poñer un euro, senón simplemente redactar o proxecto, que xa o entregamos, traballamos na expropiación, que xa a fixemos, e agora firmamos o convenio e o que queda xa é iniciar a licitación e despois as obras”.
O alcalde subliñou que “foi un traballo moi importante, creo que tamén foi un traballo en colaboración sempre coa Xunta, por iso creo que a noticia é moi positiva. Pasar dun edificio en ruínas a un edificio rehabilitado e cun uso concreto, que é a promoción de Galicia, a promoción de Ribadeo e tamén seguir traballando na defensa do Camiño de Santiago é moi importante”.
Dani Vega dixo: “temos que seguir traballando, seguir xestionando orzamento e así Ribadeo sigue avanzando. E o agradecemento ao director xeral de Turismo, a Merelles, por recoller a proposta e convertela nunha realidade. E tamén agradecerlle ao presidente Rueda o seu compromiso con esta proposta, dentro das moitas nas que estamos traballando en Ribadeo nestes momentos. E as obras avanzan a moi bo ritmo todas as que temos en estes momentos, pero esta foi unha delas. Agradecemento tamén á Área de Turismo de Ribadeo por propoñer esta realidade nestes momentos, que é un convenio, redactar tamén un proxecto, traballar en colaboración con Turismo de Galicia, entón tamén agradecemento a Marta Saiz por todo o seu traballo. Dentro desa estratexia, dentro dese traballo conxunto, digamos que a conclusión é moi positiva, rehabilitar 100 % Casa Maseda e co financiamento da Xunta na súa totalidade”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, declarou: “a firma deste convenio é unha grande noticia para Ribadeo. Como concelleira estou moi feliz e orgullosa, pero como ribadense quizás o estea aínda moito máis. As oficinas de turismo son ese punto de encontro e de recepción de visitantes, así que a construción dunha nova oficina destas características: moderna, accesible e intelixente, recuperando e rehabilitando un edificio tan ribadense como é Casa Maseda, situado no Camiño Norte, en pleno pulmón de Ribadeo, para volver enchelo de vida creo que debería ser un orgullo para todos os ribadenses. Agradecerlle unha vez máis á Xunta de Galicia e ao director xeral a posibilidade de poder unir a modernidade do turismo coa recuperación do noso patrimonio”.
Asinaron o convenio o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, diante de Casa Maseda. Ao acto acudiron as concelleiras de Turismo, Cultura e Seguridade e o concelleiro de Obras.

