Concello de Ribadeo

Xulgado de paz

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe o local cedido pola Xunta ao concello de Ribadeo para acoller de maneira provisional o xulgado de Paz, que xa está a funcionar tras o final do traslado dos funcionarios.

O Goberno galego investiu 50.000 euros no acondicionamento do local e a instalación de voz e datos, na dotación de mobiliario novo e no traslado de computadores, libros do Rexistro Civil e parte do arquivo a este inmoble, que acollerá o servizo mentres que o Concello leva a cabo as obras necesarias para acoller o xulgado de Paz noutro espazo que se converterá na súa sede principal e definitiva.

A Xunta completou a comezos de outubro o traslado temporal dos funcionarios a este novo local despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizase que o xulgado de Paz de Ribadeo puidese prestar este servizo xudicial de forma provisional desde as instalacións ofrecidas polo Goberno galego.

A resolución tamén indicaba que aínda que este local permitirá continuar coa actividade do xulgado de Paz, actuacións como as celebracións de vodas civís deben celebrarse no Concello e, ademais, parte do arquivo seguirá no local primitivo.

A Xunta ten como competencia a dotación do persoal dos xulgados de paz, mentres que ás distintas administracións locais correspóndenlle, segundo a Lei de Demarcación e de Planta Xudicial o seu mantemento coa habilitación dos medidos técnicos, instrumentais e das instalacións idóneas.

Fai falta destacar, por tanto, a colaboración da Xunta para coa cesión dun local provisional e o seu acondicionamento mentres o concello de Ribadeo habilita a sede actual do xulgado de Paz, co obxectivo de contribuír á mellora da xustiza municipal e axudar ao municipio.