Concello de Ribadeo

Medio ambiente

O Concello de Ribadeo marcou como liña prioritaria do seu traballo a protección, conservación e rexeneración do seu medio natural, posuidor dunha biodiversidade que o fixo merecedor de múltiples recoñecementos internacionais (Rede Natura 2000, ZEC, ZEPA, Reserva da biosfera…).

Preservar estes ecosistemas, tratando de mellorar as súas condicións naturais e os seus servizos, é unha das nosas maiores preocupacións, xunto coa de loitar por novos recoñecementos que avalen a calidade das nosas praias, ribeiras, montes…

Á marxe de todas as actuacións coas que pretendemos conseguir un Ribadeo máis limpo e sustentable (recuperar espazos degradados como o tramo Vilavella-As Aceas, mellorar o saneamento no rural, o tratamento dos residuos, o entorno da praia de As Catedrais…), a implicación dos cidadáns e cidadás preséntase tamén como algo imprescindible.

É por iso que ás campañas de información e sensibilización, xornadas educativas e outros recursos que fomos poñendo en marcha ata o de agora poñemos tamén á túa disposición este espazo web. Nel poderás coñecer as actuacións e os recursos máis importantes que desenvolvemos desde a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo para enriquecer e proxectar noso patrimonio natural e mellorar a nosa calidade de vida.

Se desexas obter máis información da dispoñible neste espazo ou para calquera tipo de aclaración podes contactar coa Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo a través do número de teléfono 982 120 701 ou do correo electrónico medioambiente(arroba)ribadeo.gal

Declaracións institucionais

Ordenanza de limpeza e residuos