Concello de Ribadeo

Educación e sensibilización medioambiental

O Concello de Ribadeo ten un forte compromiso coa educación e sensibilización ambiental, feito polo cal son múltiples as actividades desenvoltas neste senso ao longo do ano pola Área de Medio Ambiente en colaboración con outros departamentos municipais como poden ser Turismo ou Desenvolvemento Local e outras entidades externas, tanto públicas como privadas.

Dentro destas actividades compre destacar as seguintes:

  • Compostaxe doméstica: en colaboración con SOGAMA, consistente nunha charla formativa sobre a compostaxe, na que se fai entrega dun manual e dun composteiro e posteriormente se fai seguimento do seu bo uso.
  • Campañas de reciclaxe: dirixidas tanto á poboación en xeral como aos centros educativos locais e consistentes en visitas a SOGAMA, xornadas, charlas, talleres, aulas móbiles…
  • Limpeza de ríos e praias: organizadas tanto con voluntariado como cos centros educativos locais.
  • Apicultura e loita conta a vespa velutina: en colaboración coa Asociación Cultural Apícola Os Abelleiros, consistente en cursos, xornadas, charlas e talleres co fin de fomentar a apicultura e loitar contra a vespa velutina.
  • Astronomía: a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela e coa financiación da FECYT lévanse a cabo estas actividades de divulgación científica consistentes en cursos, talleres de telescopios e reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao observatorio de Ribadeo na Casa da Ría no Monte de Santa Cruz.
  • Día dos humidais: dada a gran riqueza ecolóxica da ría de Ribadeo, tódolos anos se celebra o día dos humidais, coa inefable colaboración de Enrique Sampedro (blog Ría de Ribadeo) e Óscar Chao (pax. Facebook Aves e Natureza de Ribadeo), consistente en saídas ornitolóxicas pola ría para observar aves e en charlas e talleres nesta materia.
  • Ribadeo Birding: proxecto de turismo ornitolóxico orientado á promoción de toda a riqueza natural que a ría de Ribadeo pode ofrecer ao visitante, baseándose na potencialidade natural da zona, así como na gran variedade de actividades e servizos complementarios.
    A implantación de Ribadeo Birding leva aparellado dúas iniciativas:
    • Un portal web, http://birding.ribadeo.org/, no que o visitante pode encontrar non só información ornitolóxica se non tamén o aloxamento que máis se adapte as súas necesidades, a gastronomía local, así como o conxunto de actividades de ocio que Ribadeo ofrece.
    • Un folleto turístico dedicado á Ría de Ribadeo e as súas aves, e que serve aos visitantes para coñecer mellor e gozar do humidal.
  • Entre arcos e cantís: Este proxecto, no que colaboran os Concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo, inclúe as seguintes actividades:
    • Actividade 1.- Xeorutas interpretadas pola nosa costa.
    • Actividade 2.- Componse de dous apartados, o primeiro consiste en un mapeo e inventario de patrimonio e recursos e guía xeolóxica da zona, mentres que o segundo baséase na creación de 9 itinerarios xeolóxicos interpretados, 3 por cada Concello, debendo, como mínimo, un deles dirixirse aos máis pequenos.
    • Actividade 3.- Creación dunha plataforma turística web e aplicación móbil que recolla os recursos turísticos integrais dos Concellos participantes.
    • Actividade 4.- Accións de formación dirixidas á cidadanía e ao sector turístico. Actividade 5.- Establecemento de programas de formación e educación medio ambiental
    • Actividade 6.- Promoción e comunicacións (material publicitario, folletos, eventos, redes sociais …)
    • Actividade 7.- Establecemento do programa TERRA VIVA (xeorutas cunha visión máis ampla ás que inician este proxecto).
  • Día da Árbore: tódolos anos celébrase este día conxuntamente co colexio público de Ribadeo, plantando distintas especies autóctonas tanto no propio colexio como no entorno da ría de Ribadeo. Tamén se ten feito entrega de especies autóctonas ás asociacións de veciños para plantar en espazos públicos.