Satisfacción en Ribadeo tras a aprobación no Consello da Xunta do novo convenio para proceder á rehabilitación de Casa Maseda.

Satisfacción en Ribadeo tras a aprobación no Consello da Xunta do novo convenio para proceder á rehabilitación de Casa Maseda, que acollerá a nova oficina de turismo e un punto de atención ao peregrino.
O alcalde, Dani Vega, subliñou que “é unha moi boa noticia para Ribadeo, hoxe que se aprobou no Consello da Xunta o novo convenio para rehabilitar Casa Maseda, un edificio que está no casco histórico completamente abandonado, así estivo moitísimos anos e desde logo nosoutros cando chegamos ao goberno dixemos que había que facer algo, había que analizar qué utilidade e de onde íamos sacar os recursos”.
O rexedor indicou que “despois de facer todo isto, o que nos puxemos é no orzamento do 2025, antes non puidemos, para aprobar esa cantidade e así expropiar o edificio. Despois xestionar o que vén sendo toda a rehabilitación do inmoble. Iso fixémolo e xestionando e explicando este proxecto á Xunta de Galicia concretamos o 100 % da financiamento. É dicir non soamente a obra senón tamén a compra do edificio fináncianolo todo a Xunta. Son 880.000 euros para contar cun edificio que teña un destino moi claro: a nova oficina de turismo e o punto da atención ao peregrino, un edificio que está estratexicamente ubicado no casco histórico, no pleno centro de Ribadeo, parécenos interesantísimo que estea aí a oficina de turismo, que estea aí o punto de atención ao peregrino, e desde logo é unha moi boa noticia que pasemos de ter un edificio abandonado a telo rehabilitado e cun uso moi concreto”.
Vega engadiu: “é unha moi boa noticia, outro novo convenio que adquire Ribadeo, despois dunha xestión, despois de estar traballando permanentemente no que interesa, no que importa, que é que Ribadeo avance e cómo avanza é xestionando e neste caso son 880.000 euros para ter un edificio cun destino claro: a nova oficina de turismo e tamén o punto de atención ao peregrino”. O rexedor ribadense tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia por esta importante axuda.

