Ribadeo asinará un convenio coa Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración para levar adiante diversos proxectos.

Ribadeo asinará un convenio coa Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración para levar adiante diversos proxectos. Un deles, que será pioneiro na remuda xeracional, será presentado por Acisa e polo Concello.
O alcalde, Dani Vega, contou que “tivemos unha reunión de traballo co conselleiro de Emprego, Comercio e Inmigración, coa secretaria xeral da Consellería e tamén coa directora xeral de Emprego. Neste caso, presentamos un proxecto moi ambicioso de actividades que teñen que ver coa promoción, coa difusión e tamén co dinamismo activo que ten Ribadeo no tocante á promoción do noso comercio”.
O rexedor declarou: “dende logo, agradecemos esta colaboración, este convenio que nos vai traer moitos beneficios e tamén oportunidades. Primeiro, a promoción do comercio, a actividade entorno ao comercio e tamén a difusión de distintas iniciativas que ten Ribadeo en colaboración con Acisa para evidentemente marcar obxectivos”.
Vega explicou que “unha parte do convenio está baseada na difusión, na comunicación e tamén no dinamismo do comercio. E outra parte do convenio está en promover feiras activas entorno á praza, por exemplo a Gastropraza, pero tamén a difusión do Mercado dos Domingos e tamén actividades relacionadas con artesanía de calidade, artesanía de Galicia, que hai poucos días que tivemos a feira aquí en Ribadeo, por seguir camiñando en eventos deste tipo e tamén vamos seguir promocionando actividades no tocante ao comercio e tamén á formación no entorno ao comercio”.
O alcalde ribadense seguiu a relatar: “outra parte importante que falamos co conselleiro é un proxecto piloto da remuda xeracional, que quere falar da problemática á hora de encontrar emprego de moitas persoas. Vemos que no sector servizos, no comercio sobre todo, pode haber unha saída laboral. Polo tanto, formación para a empregabilidade, formación para esa busca activa de emprego de moitas rapazas e rapaces. E tamén á hora de falar da remuda xeracional no momento da xubilación dunha persoa, ao mellor non ten esa remuda na familia, e ten que verse obrigado a cerrar o comercio. O que temos que facer é ese proxecto piloto dos comercios que están próximos á xubilación e traballar seriamente tecnicamente na remuda xeracional e na formación para a empregabilidade”.
Dani Vega subliñou que “é un proxecto innovador para Ribadeo, un proxecto que quere solucionar problemas para que moitos comercios non acaben cerrados, por lo tanto, non só visualizar o problema, senón poñerlle solución. Volvemos ser innovadores e Ribadeo ponse á cabeza na busca de solucións. Agradecerlle ao conselleiro, agradecerlle á Consellería todo o traballo que está facendo en colaboración co Concello e con Acisa. É un proxecto que nace conxuntamente entre Acisa, Concello e Xunta de Galicia, e nesta primeira reunión o que buscamos é poñerlle solución a moitos problemas. E en breve presentaremos o proxecto con Acisa e tamén coa Xunta de Galicia”.

