Ribadeo acolle estes días a celebración de 3 campus deportivos que reúnen a máis de 200 nenas e nenos.

Ribadeo acolle estes días a celebración de 3 campus deportivos que reúnen a máis de 200 nenas e nenos.
Desde hoxe e ata o venres ten lugar o Campus de Verán, que organiza o club Porta Norte de Ximnasia Rítmica e no que as participantes recibirán clases e coñecementos desa disciplina deportiva, de ballet, de técnica corporal e de aparello e no que tamén haberá xogos, manualidades e moita diversión.
Tamén hoxe da comezo o Campus de Tecnificación Breogán The Basket Dream, que se prolongará ata o vindeiro sábado, día 27. Será unha semana dedicada ao baloncesto, á aprendizaxe e á convivencia, deseñada para que os mozos e mozas se desenvolvan a través do deporte, compartindo valores, creando amizades e vivindo experiencias inesquecibles. Neste campus de baloncesto hai anotados 80 rapaces e rapazas.
E do 23 ao 28 de xuño desenvolverase o Campus Mareo Itinerante do Sporting de Gijón, destinado a rapazas e rapaces de 8 a 18 anos e conta con 80 inscritos.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “estamos encantados da acollida que tiveron en Ribadeo estes tres campus deportivos, que se desenvolven ao longo desta semana. Contamos no noso concello cunhas instalacións deportivas de alto nivel para albergar a celebración destes e outros eventos”. E engadiu: “agardamos que as nenas e os nenos inscritos aproveiten ben o tempo xunto aos adestradores e monitores cos que compartirán esta experiencia e os valores da práctica deportiva”.

