A Gastropraza continúa coa súa programación no verán

A Gastropraza continúa coa súa programación de actividades pensadas para afondar no coñecemento do produto, da tradición culinaria e dos procesos de elaboración que forman parte da identidade gastronómica galega. Entre finais de xuño e o mes de agosto este espazo acollerá sete citas arredor do café, o pan, os peixes de temporada e produtos emblemáticos como o porco celta ou a tenreira galega.
Este sábado, día 27, terá lugar unha sesión dedicada ao café, da man de Coffe Urban Roasters, profesionais do café de especialidade chegados desde Viveiro.
Xa no mes de xullo, o día 4 terá lugar un obradoiro centrado na elaboración de masas de pan, unha proposta pensada para achegar ao público técnicas, coñecementos e fundamentos básicos dun alimento esencial na nosa cultura gastronómica.
A Gastropraza continuará a súa actividade o día 18 de xullo cun encontro con Xulio Mato, especialista gastronómico e colaborador do programa da TVG A Voltas co Prato. E haberá unha nova sesión o 29 de xullo dedicada aos peixes de temporada, unha oportunidade para poñer en valor o produto do mar e a súa importancia na cociña galega.
O programa completarase en agosto con tres novas datas: o 5 cunha xornada arredor do porco celta; o 19 cunha sesión dedicada á tenreira galega; e o 26 de agosto con carne de poldro de Pura Raza Galega, pechando así un calendario de verán que aposta pola divulgación gastronómica, o produto de proximidade e a conexión entre tradición e cociña contemporánea.
Con esta programación, a Gastropraza consolídase como un espazo de encontro en Ribadeo para profesionais, persoas afeccionadas á gastronomía e público interesado en descubrir, aprender e gozar da riqueza culinaria galega a través de actividades especializadas e experiencias arredor do produto. A organización corre a cargo do Concello de Ribadeo, Xunta de Galicia, Acisa e a asociación Cociñeiros Lugo.

