A Biblioteca Municipal “El Viejo Pancho”, gañadora dun dos XXV Premios María Moliner 2025.

A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho foi distinguida co XXV Premio María Moliner 2025, un galardón concedido polo Ministerio de Cultura e pola FEMP aos mellores proxectos de animación á lectura en municipios de menos de 50.000 habitantes. O recoñecemento premia o programa “Punto de encontro: a Biblioteca II”, que afianza a biblioteca como espazo cultural e social de referencia en Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destaca que este premio “recoñece o traballo profesional e o compromiso do equipo da biblioteca, das entidades colaboradoras e da veciñanza coa dinamización cultural”. Engade que “El Viejo Pancho é hoxe un lugar vivo e inclusivo, que promove a lectura, a diversidade lingüística e o acceso á cultura para todas as idades”. A concelleira lembra que “este recoñecemento anímanos a seguir avanzando para consolidar a biblioteca como un punto de encontro fundamental para Ribadeo, un espazo que se adianta ás necesidades da cidadanía e promove valores tan importantes como a igualdade, a inclusión, a cultura científica e a sostibilidade”.
O Concello de Ribadeo felicita a todas as persoas implicadas e reafirma o seu apoio á continuidade dun proxecto que segue reforzando o papel da biblioteca como motor cultural no municipio.
Precisamente esta fin de semana a biblioteca celebra dúas importantes actividades literarias:
Venres, 7 de novembro, ás 20:00 h:
Ulises Bértolo presenta o seu novo thriller “Exitus. La muerte nunca es el final”.
Sábado, 8 de novembro, ás 20:00 h:
Presentación das obras “Flores de sombra” e “A orillas del Pilcomayo” de Federico Mediante Noceda, cun encontro no que participarán o xornalista Martín Fernández Vizoso, Antonio Andina Penabad (Eoditorial) e Ana Martínez Loredo, neta do autor.

