XXII Mostra de Teatro Afeccionado “Daniel Cortezón” en Ribadeo

A concelleira de Cultura Begoña Sanjurjo presentou hoxe a XXII Mostra de Teatro Afeccionado “Daniel Cortezón”, que se celebrará no Teatro de Ribadeo os días 17, 18 e 19 de outubro, ás 20:00 horas.

A concelleira explicou que “esta Mostra, que leva o nome de Daniel Cortezón, continúa sendo unha homenaxe viva á súa memoria e ao seu legado cultural. É xa unha cita consolidada no calendario cultural de Ribadeo, un espazo no que o teatro afeccionado galego pode compartir o seu traballo e o seu entusiasmo co público. Durante tres días teremos a oportunidade de gozar de diferentes propostas escénicas que nos farán rir, pensar e, sobre todo, valorar o talento das compañías da nosa contorna”.

O programa deste ano inclúe as seguintes representacións:

  • Venres 17 de outubro: Historia dun fidalgo, a cargo do Grupo de Teatro A Mariña (Cervo).
  • Sábado 18 de outubro: A herencia de Xoana, do Grupo de Teatro Abrente (As Nogais).
  • Domingo 19 de outubro: A presa, do Grupo Humorístico Trípode (Alfoz).

Todas as funcións terán lugar ás 20:00 horas no Teatro de Ribadeo. O prezo da entrada é de 3 euros.

Begoña Sanjurjo animou á veciñanza e ao público da comarca a asistir: “O teatro é unha das expresións culturais máis vivas e máis necesarias. Queremos que Ribadeo siga sendo un lugar de encontro para a creación e para o gozo colectivo das artes escénicas.”

A XXII Mostra de Teatro Afeccionado “Daniel Cortezón” está organizada polo Concello de Ribadeo, a través da súa área de Cultura.

Ir o contido