Ribadeo fíxolle entrega hoxe á Xunta dos terreos nos que se construirá o novo centro de saúde.

Xunta e Concello asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a construción do novo centro de saúde. O Concello fixo, deste xeito, a entrega dos terreos á administración galega. A continuación procederase á redacción do proxecto e despois á súa licitación.
O alcalde, Dani Vega, subliñou todo o traballo realizado “nun tempo récord” para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde: “o antigo goberno non nos deixou nada, só una proposta de escoller unha parcela. Conseguimos nun ano e medio a parcela, toda a tramitación da expropiación, todo o traballo burocrático, que sabedes que é farragoso, moi complexo, xa que hai que informar non sei cantas veces aos titulares, despois unha parte desa parcela tiña moitos embargos e tivemos que informar a todas as persoas afectadas”.
O rexedor dixo “agora a parcela xa é do Concello de Ribadeo e o que facemos hoxe é entregarlla á Xunta para que dispoña dos terreos e empece a redactarse o proxecto do novo centro de saúde e despois sería a construción. Agradecer tamén á Xunta que xa contempla no presuposto do 2026 unha partida orzamentaria para o centro de saúde ribadense”.
Vega indicou que “as novas instalacións albergarán o 061, o centro de saúde e tamén o PAC. Non podemos ter un centro de saúde por cachos. Non pode estar o 061 á entrada do pobo e logo no centro da vila o centro de saúde, porque eses minutos de tardanza son vitais para unha persoa”.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde, Dani Vega, foron os encargados de asinar o convenio de colaboración esta mañá no salón de comisións do Concello de Ribadeo.
O acto contou coa presenza do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a directora do do distrito sanitario da Mariña e do Hospital Público da Mariña, Mª José Cortes, así como as concelleiras de Seguridade, Igualdade e Benestar Social, Montse Seijo, Begoña Sanjurjo e Elena Sierra.
Gómez Caamaño visitou a Casa do Concello e asinou no libro de honra. A comitiva desprazouse despois ata os terreos nos que se construirá o novo centro de saúde de Ribadeo.

