Consulta toda a información e reservas

O Concello de Ribadeo organiza, do 13 ao 16 de novembro, as “Xornadas arredor da Ría de Ribadeo”, un encontro divulgativo enmarcado no programa “Ribadeo cara ao Mar”, que pretende poñer en valor a riqueza natural, cultural e social da ría, promovendo un diálogo entre ciencia, historia e futuro sostible.
A actividade inclúe roteiros xeolóxicos, visitas guiadas, conferencias, actividades de avistamento de aves, degustacións gastronómicas e mesas de debate sobre o futuro sostible da ría. Durante catro días, expertos en xeoloxía, bioloxía, historia e turismo abordarán o valor ambiental, social e económico dun dos espazos naturais máis representativos da Mariña Lucense.
O programa contará coa participación de representantes institucionais, profesionais do turismo, empresarios e investigadoras, e está dirixido tanto ao público xeral como a persoas interesadas na conservación ambiental, o turismo sostible, o patrimonio social e a economía azul.
O proxecto “Ribadeo cara ao Mar” busca poñer en valor o patrimonio marítimo e cultural do municipio a través de accións divulgativas e dixitais. Conta cunha axuda tramitada perante o GALP A Mariña-Ortegal e aprobada pola Consellería do Mar, no marco do FEMPA 2021-2027, cofinanciada pola UE e a Comunidade Autónoma de Galicia.

