Trescentas nenas e nenos acudiron aos concertos didácticos organizados pola Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrou, como vén sendo habitual ao remate do curso académico, os seus concertos didácticos dirixidos ao alumnado de educación primaria da comarca da Mariña.
Máis de 300 nenos e nenas participaron nesta actividade, que tivo lugar este mércores, 13 de maio, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, en dúas sesións celebradas ás 10:00 e ás 12:00 horas.
Nesta edición, coincidindo coa semana das Letras Galegas, o repertorio estivo integramente dedicado á música galega, cun enfoque didáctico que combinou interpretación e narración. Ao longo do concerto, o alumnado puido achegarse a historias vinculadas á cultura galega, incluíndo referencias ao mundo celta e outras tradicións.
Desde o centro amosan a súa satisfacción pola acollida da actividade entre os centros educativos ano tras ano.
A EMMeD de Ribadeo pechará o curso académico 2025/26 o vindeiro 13 de xuño coa celebración do seu tradicional Festival de Fin de Curso.

