Todo está listo en Ribadeo para a celebración dos Torneos Emma Cuervo os días 7 e 13 de agosto no campo municipal Pepe Barrera.

Todo está listo en Ribadeo para a celebración dos Torneos Emma Cuervo os días 7 e 13 de agosto no campo municipal Pepe Barrera.
A primeira cita será o VI Torneo Feminino Emma Cuervo, que disputarán o Real Club Deportivo da Coruña e o Real Sporting de Gijón mañá, 7 de agosto, ás 19:00 horas.
E o día 13 terá lugar o LXXV Torneo Masculino Emma Cuervo no que se medirán o Racing Club Ferrol e o Real Avilés Industrial tamén ás sete da tarde.
O concelleiro de Deportes, Francisco José SIlvent, dixo: “estes importantes torneos futbolísticos encherán a nosa vila de afeccionados de todos os equipos que nos van visitar. Agardamos que gocen do fútbol e de todos os atractivos do noso concello”.
O edil ribadense agradeceu “o traballo do Ribadeo FC para que esta clásica cita se manteña así como a colaboración e a coordinación co Concello para ofrecer o mellor espectáculo no campo e a mellor imaxe da nosa vila a quen nos visita. Agardamos poder disfrutar, coma sempre, dun bo ambiente, de sana rivalidade e esperamos que se rexistre unha boa entrada, por que redundará en beneficio do club organizador”.
E engadiu: “animamos a toda a xente de Ribadeo e dos concellos limítrofes a asistir aos Torneos Emma Cuervo e tamén aqueles visitantes amantes do fútbol que se atopen de vacacións pola zona”.
Na presentación participaron o presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto, o director territorial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, o alcalde ribadense, Dani Vega, e os concelleiros de Deportes e Igualdade, Francisco José Silvent e Begoña Sanjurjo.

