Así se puxo de manifesto na xuntanza da mesa da auga

As obras do abastecemento de Ribadeo marchan a bo ritmo. Así se puxo de manifesto na xuntanza da mesa da auga, que tivo lugar no día de hoxe. O investimento ascende a 7,5 millóns de euros.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “hoxe celebramos a mesa de seguimento das obras do abastecemento da auga. Son 7,5 millóns de euros para poñerlle solución a un problema que xa viñamos padecendo durante moitos anos, poñerlle solución ás roturas constantes e continuas. Tamén é verdade que a moitos puntos xa non se pode acceder e estamos perdendo sobre o 20% do recurso, así o cuantifica Augas de Galicia. Nos cremos que son superiores esas perdas e tiñamos que tomar unha decisión, o que fixemos foi xestionar 7,5 millóns de euros e o compromiso do Concello de achegar o 20%, que é un esforzo moi importante”.
O rexedor cre que “investir no realmente interesante, dotar a Ribadeo de recurso hídrico… porque os problemas que está habendo en todos os concellos, tamén en Ribadeo, non so de ter tubaxes de hai trinta anos de fibrocemento, que xa non poderían estar, de ter perdas constantemente e de non poder arranxar nalgún punto, convértenos en malos xestores da auga, dun recurso fundamental como é o hídrico. Sabemos que os retos son moitos, pero un deles nos próximos anos é que os Concellos teñan un bo recurso, que teñan recursos hídricos, que teñan tubaxes renovadas e así ter unha boa xestión dun recurso tan necesario como é auga”.
Vega subliñou que “nos nesta mesa analizamos a obra en profundidade e as problemáticas que poden aparecer. Nestes momentos estamos aínda na parte do concello de Trabada, enseguida iniciamos as obras tamén no concello de Ribadeo. Van a moi bo ritmo, non está habendo grandes problemas. Esta reunión o quere é analizar posibles problemas aos que poñerlles solucións automaticamente e nesta liña imos seguir de colaboración entre Augas de Galicia, a Xunta e os dous Concellos, tanto o de Ribadeo como o de Trabada”.
O alcalde ribadense indicou que “esta é a segunda mesa da auga, na seguinte xa seguramente participará o conselleiro. Trátase dunha obra fundamental e moi necesaria, son 7,5 millóns de euros de inversión e imos seguir traballando para que a obra vaia a moi bo ritmo e esteamos a cumprir os prazos”. E tivo palabras de agradecemento para as partes implicadas: “quero agradecer ao director xeral de Augas de Galicia, aos responsables técnicos de Augas de Galicia, ao alcalde de Trabada e á UTE que está a realizar os traballos. Esta colaboración intensa está dando moi bos resultados”.

