Ribadeo segue tratando as palmeiras afectadas polo picudo vermello.

Ribadeo segue tratando as palmeiras afectadas polo picudo vermello

Ribadeo segue tratando as palmeiras afectadas polo picudo vermello, unha das pragas máis destrutivas en todo o mundo para estas plantas. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, explicou que “estamos preocupados pola delicada situación na que se atopan as palmeiras dos parques e espazos públicos, de aí que estes días estámoslles a aplicar un tratamento en ducha de acetamiprid. Segundo nos explican desde a empresa que realiza este traballo trátase dun insecticida sistémico neonicotinoide específico para acabar co picudo vermello, un insecto que está atacando ás palmeiras de Ribadeo, de todo Galicia e do Occidente asturiano, así como noutros moitos lugares de todo o mundo”. 

O edil ribadense indicou que “se acordoaron os parques para poder aplicar este insecticida desde unha carretilla e empregando un lanza”. 

Diego Dos Santos dixo que “un claro exemplo do perigo que supón o picudo vermello témolo na Devesa, onde en poucos meses acabou con 15 palmeiras”.

O concelleiro de Medio Ambiente anunciou que “desde o Concello imos sacar un Bando animando ás veciñas e veciños que teñan palmeiras nas súas propiedades a que as traten tamén, si queren conservalas. O picudo vermello é moi agresivo e está atacando duramente a todas as palmeiras. Non hai máis que dar un paseo por Ribadeo e ver como están tanto as dos espazos públicos como as das fincas particulares”. 

E engadiu: “as persoas que non saiban como actuar coas súas palmeiras poden achegarse polo Concello de Ribadeo, onde serán asesorados polo técnico de Medio Ambiente”. 

Ir o contido