Ribadeo reúne a numerosos veciños nunha formación de reanimación que demostra que salvar vidas está nas mans de todos.

Ribadeo celebrou este sábado, 24 de outubro, unha formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e uso dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) que resultou un éxito, cunha gran acollida por parte da cidadanía e unha importante participación nunha iniciativa que busca preparar a poboación para actuar ante unha emerxencia cardíaca.
A actividade desenvolveuse no Pavillón Municipal de Ribadeo, en horario de 10:30 a 13:00 horas, co obxectivo de achegar coñecementos básicos de primeiros auxilios á poboación e ensinar como reaccionar ante unha parada cardiorrespiratoria.
Durante a xornada, as persoas participantes puideron coñecer os pasos fundamentais da cadea de supervivencia: recoñecer unha situación de emerxencia, solicitar axuda, iniciar as compresións torácicas e utilizar un DESA ata a chegada dos profesionais sanitarios.
A iniciativa forma parte do compromiso de Ribadeo coa creación de espazos máis seguros e coa extensión da cultura da prevención e dos primeiros auxilios. Neste marco, o Concello instalou recentemente dous totems con desfibriladores en puntos estratéxicos da vila, na rúa San Francisco e na avenida Rosalía de Castro, co propósito de facilitar unha resposta rápida ante posibles emerxencias.
Desde o Concello agradecen “a participación da cidadanía, así como a implicación das entidades e dos profesionais que fixeron posible esta formación, entre eles o Grupo de Simulación In Situ do Hospital Público da Mariña, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e a Alcoa, xunto coas entidades colaboradoras”.
A mensaxe principal desta xornada é clara: calquera persoa pode axudar a salvar unha vida. Saber como actuar nos primeiros minutos dunha parada cardíaca pode marcar a diferenza, e por iso resulta fundamental continuar promovendo este tipo de iniciativas abertas á cidadanía.
“Con accións coma esta, Ribadeo avanza cara un municipio máis preparado, solidario e cardioprotexido, no que a formación e a colaboración cidadá se converten en ferramentas fundamentais para coidar das persoas”, engaden desde o Concello.

