Ribadeo retoma en marzo as charlas sobre saúde dentro do programa Preto de ti.

A Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia retoma no mes de marzo as charlas informativas sobre saúde baixo o título Colesterol e Saúde Cardiovascular, unha iniciativa enmarcada no programa municipal Preto de ti, que achega actividades e servizos ás diferentes parroquias do municipio.
As sesións desenvolveranse nas escolas das distintas parroquias nas seguintes datas e horarios:
- Vilaselán, o 10/03/26 ás 18:00h
- Ribadeo, o 11/03/26 ás 18:00h
- Cedofeita, o 12/03/26 ás 16:15h
- A Devesa, o 17/03/26 ás 10:00h
- Arante, o 17/03/26 ás 16:30h
- Cinxe, o 23/03/26 ás 16:15h
- Rinlo, o 24/03/26 ás 16:15h
A concelleira Elena Sierra explica que “durante estas charlas abordaranse cuestións fundamentais para o coidado da saúde cardiovascular, como a alimentación axeitada, os factores de risco, a importancia dos controis rutineiros, os sinais de alarma aos que debemos prestar atención e consellos prácticos para aplicar no día a día”. A enfermeira María Roel sinala que “o obxectivo é ofrecer información clara e útil que axude á veciñanza a reflexionar sobre os seus hábitos e a incorporar cambios saudables na súa vida cotiá”.
A edil de Saúde, Elena Sierra, manifesta que “é fundamental coidarse e contar con información rigorosa e accesible para poder achegar valor á nosa saúde no día a día, que é precisamente onde se empeza a previr”. Ademais, anima á veciñanza a participar nestas sesións, pensadas como espazos de encontro, aprendizaxe e resolución de dúbidas.
O Concello continúa así coa súa aposta pola promoción da saúde e pola prevención, levando recursos ás parroquias para estar, unha vez máis, preto da xente.

