O alcalde, Dani Vega, subliñou a importancia desta achega.

O rexedor declarou que “Ribadeo segue xestionando subvencións para darlle un impulso ao noso pobo e para darlle contido e tamén a restauración necesaria dos nosos edificios públicos”.

Vega explicou que “neste caso falamos da maior subvención que vai percibir unha institución, 200.000 euros que o GALP, que a Xunta de Galicia, vai aportar a Ribadeo. O primeiro que quero facer é darlles ás grazas aos técnicos, tanto a Mónica como a Begoña, que se ocuparon e se preocuparon desta subvención que era importantísima para nosoutros como Concello, porque precisabamos darlle un contido ao noso Forte de San Damián. E desde logo este monumento, este baluarte da historia, que ten un pasado e un presente de divulgación, de ofrecer esa explicación do que foi Ribadeo no pasado, pois eu creo que é unha subvención moi importante”.

O alcalde ribadense dixo que “son 200.000 euros para traballar nos próximos anos. É unha subvención de dúas anualidades 2024-2025. A primeira parte irá destinada a poñer en valor todo o noso legado histórico, con xornadas de divulgación e con visitas teatralizadas e no 2025 equiparemos o Forte de San Damián para que se converta nese centro de interpretación. O que imos facer alí é poñer en valor todo o noso legado histórico entre os séculos XVI e XVIII, cando Ribadeo era ese referente no Cantábrico co seu porto comercial, o importante que foi e que é. Aí comezou o crecemento de Ribadeo e nos o que queremos é poñer en valor ese baluarte defensivo”.

Dani Vega subliñou que “ é a subvención máis importante da provincia de Lugo, como Concello, como entidade, a que xestionamos desde Ribadeo. Grazas aos traballadores municipais e grazas tamén ao traballo conxunto e dinámico que temos no Concello. Este é un día que debemos celebrar porque estamos a xestionar subvencións para que Ribadeo siga medrando”.