Ribadeo protagonizou este domingo a ofrenda dos Remedios en Mondoñedo

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, realizou hoxe a Ofrenda dos Remedios en Mondoñedo.
Na súa intervención estiveron presentes a paz no mundo, os valores da vella Europa dos que foron artífices Schuman, Adenauer e De Gasperie, o carácter acolledor de Ribadeo e a figura do Bispo Paio Cibeira, así como a sanidade, o benestar social e a necesidade de investir nas persoas. Vega pediu protección contra o lume: “axúdanos, Nai, a ser capaces de poñernos de acordo, de deixar atrás divisións estériles, para defender un modelo forestal beneficioso para as persoas e para o medio ambiente”; e que haxa “relevo xeracional no sector primario, que a mocidade descubra a nobreza de traballar a terra e o mar como fontes de vida e identidade”.
A misa foi cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, a Banda Municipal de Música de Ribadeo participou na procesión e despois ofreceu un concerto. O equipo de goberno, acompañado pol@s nen@s Iago e Iria, asistiu aos actos desenvolvidos hoxe en Mondoñedo.

