Ribadeo presenta a súa nova Axenda Cultural de primavera cunha programación diversa e para todos os públicos

A concelleira de Cultura de Ribadeo, Begoña Sanjurjo, presenta a nova Axenda Cultural correspondente aos meses de abril, maio e xuño, unha proposta ampla e variada que consolida a aposta do Concello por unha programación accesible, diversa e de calidade.
A axenda inclúe unha trintena de actividades que abranguen disciplinas como a música, o teatro, a literatura, o cinema, a danza ou as artes plásticas, pensadas para todos os públicos e idades. Entre as citas máis destacadas figuran o Festival de Jazz no mes de abril, o Vendaval Fest en maio ou a VI edición de Ribadeo Ilustrado en xuño, así como numerosas funcións teatrais e presentacións literarias.
Esta programación é o reflexo do dinamismo cultural de Ribadeo e do traballo conxunto co tecido asociativo e creativo local. Queremos que a cultura siga sendo un eixo fundamental da vida social do noso concello.
Destaca tamén o papel dos espazos culturais municipais, como o Auditorio Hernán Naval, a Biblioteca Municipal ou o Cine Teatro, que acollen boa parte das actividades, ademais doutros escenarios ao aire libre que permitirán gozar da cultura en diferentes contornas.
Outro dos obxectivos desta axenda é fomentar a participación cidadá e achegar propostas culturais a todos os barrios e parroquias, garantindo unha oferta descentralizada e inclusiva.
A Axenda Cultural de primavera xa está dispoñible para a consulta en formato físico en distintos puntos do municipio e tamén en versión dixital a través das canles oficiais do Concello.
Desde a Concellería de Cultura anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nesta programación porque a cultura non só entretén, senón que tamén constrúe comunidade e identidade.

