Ribadeo prepara unha ordenanza para regular o estacionamento das caravanas no concello.

Ribadeo prepara unha ordenanza para regular o estacionamento das caravanas no concello.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “dende o Concello estamos a traballar nunha nova ordenanza para caravanas. Queremos presentar un borrador ao sector, pactar co sector unha ordenanza para que así convivamos todos, unha ordenanza que o que quere é regular, mellorar e evidentemente seguir traballando por ese turismo de calidade”.
O rexedor considera que “temos que reflexionar que queremos no futuro. Non podemos permitir aparcar en espazos naturais e miradoiros, non podemos tampouco permitir que se estea aparcando en aparcadoiros para vehículos e que encontremos caravanas que teñen establecida unha vivenda. Non se pode facer todo de calquera xeito o tampouco podemos permitir todo, porque senón non camiñariamos nese turismo de calidade que sempre estamos a repetir”.
Vega manifestou que “unha ordenanza é a que regula, unha ordenanza é a que establece unha normativa e evidentemente pactada co sector e reflexionada por todos. Trátase dun paso máis que queremos dar desde o Concello para seguir apostando por ese turismo de calidade. Evidentemente, esta ordenanza xa tiña que estar hai moitos anos, moitos Concellos xa estableceron unha ordenanza, unha normativa para as caravanas. Creo que Ribadeo xa a debera ter. Pero nosoutros neses dous aniños que levamos o que estamos é poñendo moitas medidas, moitas ordenanzas, renovalas, reflexionalas, evidentemente, para traballar nese turismo de calidade”.
O alcalde subliñou que “é unha proposta que nace do Concello, pero tamén nace do propio sector que nos di que non permitamos facer todo. E aí doulles completamente a razón. Querer turismo non é permitir facer de todo. Querer turismo é ter unha ordenanza, ter unha normativa e así que Ribadeo evidentemente siga traballando nese turismo de calidade e así Ribadeo avanza”.

