Ribadeo pon en marcha un visor web para consultar as faixas de protección contra incendios

190826 Foto presentación visor web

A nova ferramenta permitirá aos veciños consultas de forma sinxela as zonas afectadas polas faixas de xestión de biomasa, localizar parcelas e apoiar os traballos de prevención fronte aos lumes forestais.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “hoxe presentamos e poñemos en marcha o novo visor web para consultar as faixas de protección contra incendios. Unha ferramenta moi necesaria, áxil na súa utilización e polo tanto un paso máis na modernización da administración. Unha ferramenta que vamos poñer a disposición de todos os veciños para que poidan consultar de forma moi sinxela todas as zonas afectadas polas faixas de protección da biomasa, localizar as parcelas e apoiar os traballos de prevención que ten unha clara vocación de loitar contra os incendios forestais”.

O rexedor contou que “o Concello non quería perder esta oportunidade, puxémonos en marcha, xestionamos para que isto fora posible e desde hoxe na páxina web xa vai haber un espazo para consultar neste visor web todas as faixas de protección no termo municipal de Ribadeo. Unha ferramenta dixital destinada á consulta pública, é dicir de forma transparente e información cartográfica relacionada coa xestión da biomasa no termo municipal. O visor permite identificar de maneira visual as faixas de protección, as parcelas afectadas, total ou parcialmente e tamén vai haber unha relación coa cartografía catastral e territorial dispoñible”.

Vega dixo que “deste xeito todos os veciños, propietarios, técnicos municipais e as empresas que están encargadas para facer os traballos de limpeza poderán acceder a esta información dun xeito máis claro, áxil e transparente. Tamén vai haber un módulo GPS integrado neste visor que permite utilizar todos os dispositivos móbiles e comprobar sobre o terreo a posición exacta do usuario e a relación coas súas faixas de protección nas parcelas catastrais”.

Para o alcalde ribadense “é un paso máis na modernización, no control rigoroso para que se limpen todas as faixas de protección. Nosoutros desde o principio apostamos por este traballo e creo que vai ser unha ferramenta útil para a consulta, para poder informarnos perfectamente do estado no que se atopan todas esas parcelas, todas esas faixas de protección que cada veciño ten a obriga, temos a obriga, de limpar e conservar”.

O rexedor tivo palabras de agradecemento para a administración galega: “agradecemos á Xunta de Galicia toda a colaboración para dar este paso na modernización da nosa administración local e ter este visor web para facer esa consulta directa, de forma moi sinxela, áxil e ter toda a información actualizada. Damos un paso máis e seguiremos nesta liña de traballo, de xestión para ter as faixas de protección limpas e tamén unha administración áxil e tamén na súa modernización”.

Ir o contido