Ribadeo segue a mellorar os locais sociais. O das Anzas estrea nova imaxe. 

O alcalde, Dani Vega, contou que “seguimos mellorando os locais sociais, neste caso o das Anzas. Detectamos varios problemas e conxuntamente coa asociación o que fixemos foi xestionar unha subvención coa Xunta de Galicia. Con iso garantimos que non utilizamos recursos municipais, tampouco utilizamos recursos da asociación, en definitiva, o que se fai é solicitar unha subvención, é dicir, unha xestión feita á Xunta para poder arranxar os locais sociais”.

O rexedor dixo que “a Xunta de Galicia ten unha liña de subvencións, non é a única asociación que o pediu en Ribadeo, 12.000 euros son para obra e 5.000 para equipamento. E neste caso, nas Anzas o que se fixo foi retirar toda esa escaleira que estaba introducindo humidade na parede, acondicionouse a entrada para a eliminación de barreiras arquitectónicas, o arranxo das paredes interiores afectadas por esas humidades causadas pola escaleira. Tamén se arranxou a parede no seu exterior, colocouse unha estufa para quentar o local e unha escaleira no exterior e pintouse todo o interior e o exterior nesa parte que estaba afectada polas humidades”.

Para Dani Vega “os obxectivos claros, que é mellorar a seguridade e a durabilidade do propio edificio, garantir a accesibilidade universal no espazo, incrementar o confort dos usuarios mediante unha climatización eficiente, preservar e revitalizar todo o punto de encontro dos veciños das Anzas como un espazo social, cultural, en definitiva ter un local social vivo e permanentemente conservado para que os veciños o poidan utilizar”.

O alcalde explicou que “todo isto que se fixo, que foi retirar a escaleira vella, colocar a nova, acondicionar a entrada, arranxo de paredes interiores e exteriores, colocar esta estufa, ten un orzamento total de preto de 12.000 euros. Esta é unha inversión que se fai nun local social, nunha mellora nestes locais que son de titularidade municipal, pero colaboramos coas asociacións para que se soliciten subvencións para mellorar os locais. Creo que é un gran beneficio para todos mellorar os edificios e así poder utilizalos, pero claro nun confort que todos os veciños evidentemente valoran moito”.

Vega tivo palabras de agradecemento para a directiva da asociación veciñal das Anzas: “a súa colaboración e boa disposición foron moi importantes para desenvolver estas melloras. E grazas tamén polo traballo que están a realizar”.

E engadiu: “seguimos nesa xestión permanente e na colaboración coas asociacións de veciños”.

Ir o contido