A normativa regula o estacionamento, a pernoita e a acampada, así como a circulación de autocaravanas, campers, caravanas e vehículos de grandes dimensións no municipio.

O Concello de Ribadeo difunde información sobre os principais aspectos da ordenanza municipal relativa a autocaravanas, campers, caravanas e vehículos de grandes dimensións, co obxectivo de facilitar o coñecemento da normativa entre residentes e visitantes.
A ordenanza establece as condicións para o correcto estacionamento destes vehículos e diferencia entre pernoitar no interior dun vehículo correctamente estacionado e acampar. A acampada está prohibida nas vías e espazos públicos, salvo nos lugares especificamente habilitados ou nos supostos autorizados.
Tamén se regulan os tempos máximos de permanencia nas zonas reservadas e áreas de servizo e descanso, a circulación e estacionamento dos vehículos de grandes dimensións e as medidas que poden aplicarse en espazos especialmente sensibles, como a contorna da Praia das Catedrais.
A normativa inclúe ademais disposicións sobre a correcta xestión dos residuos e das augas grises e negras, a prevención de ruídos molestos e o réxime de infraccións e sancións.
O Concello recomenda consultar a ordenanza completa para coñecer as condicións e os supostos específicos recollidos na normativa municipal.

