Ribadeo inaugura dous desfibriladores públicos e aposta pola formación da cidadanía para salvar vidas.

O Concello de Ribadeo dá un novo paso na prevención e na atención ás emerxencias cardíacas coa inauguración de dous desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) de acceso público, uns dispositivos que poden resultar decisivos para salvar vidas cando se produce unha parada cardíaca.
Coincidindo co Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar (RCP), o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, fai un chamamento á participación e á formación da cidadanía en técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar e no uso dos desfibriladores. O obxectivo é que cada vez máis persoas saiban como actuar ante unha emerxencia deste tipo, na que os primeiros minutos son cruciais.
O rexedor dixo que “calquera persoa pode contribuír a salvar unha vida. Ante unha parada cardíaca, saber como actuar e facelo canto antes pode marcar a diferenza. Por iso, queremos animar a toda a veciñanza a formarse en RCP e no manexo dos desfibriladores. Non é necesario ser profesional sanitario para prestar unha primeira axuda, pero si é importante coñecer os pasos que debemos seguir”.
A incorporación destes dous dispositivos permite ampliar os recursos dispoñibles para responder ante unha parada cardíaca e achegar á poboación ferramentas que poden ser fundamentais ata a chegada dos servizos de emerxencias. A súa instalación vai acompañada dunha aposta clara pola sensibilización e pola formación práctica, para que a veciñanza saiba que facer nun momento no que cada minuto conta.
O Concello de Ribadeo ten previsto organizar accións formativas en colaboración coa Mancomunidade dos Concellos da Mariña Luguesa e co Hospital Público da Mariña. Estas actividades estarán orientadas a facilitar que a cidadanía adquira coñecementos básicos de RCP e aprenda a utilizar correctamente un desfibrilador, reforzando así a capacidade de resposta ante unha emerxencia cardíaca.
Vega indicou: “queremos que estes recursos estean ao alcance da poboación e que, ademais de dispoñer deles, saibamos utilizalos. A formación é esencial para perder o medo a actuar, gañar confianza e poder axudar a outra persoa cando máis o necesita”.
Con esta iniciativa, Ribadeo reforza o seu compromiso coa prevención, coa saúde pública e coa construción dunha vila máis preparada e segura, un Ribadeo cardioprotexido, na que a colaboración e os coñecementos da propia cidadanía tamén poden ser determinantes para salvar vidas.
Os DESA serán inaugurados o 22 de outubro ás 13:00 horas. Van estar situados na rúa San Francisco e na Avenida Rosalía de Castro.

