Ribadeo destaca a dinamización económica que a eclipse supuxo para este concello.

Ribadeo destaca a dinamización económica que a eclipse supuxo para este concello e fai un balance positivo da xornada desenvolvida no entorno da praia das Catedrais.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “a pesar das nubes, do barruzo e da néboa que nos acompañaron onte en Ribadeo puidemos seguir a eclipse a través da pantalla xigante instalada na praia das Catedrais e vivila xunto ás veciñas e aos veciños de Lalín, ademais de contar coas explicacións do profesor José Ángel Docobo e da astrónoma e científica Paula Cambeses”.
A edil ribadense contou que “centos de persoas se deron cita nas Catedrais para disfrutar deste momento histórico. E aínda que non vimos a lúa ocultando o sol, disfrutamos do anoitecer, do cambio de temperatura e do novo amencer. Foi unha experiencia incrible e que gardaremos na nosa memoria de por vida”.
Saiz tivo palabras de agradecemento para todo o persoal que traballou na xornada de onte e tamén nos preparativos previos: “desde o Concello de Ribadeo queremos agradecer ao persoal municipal de Obras e Medio Ambiente e de Turismo todo o traballo previo ao día de onte, á Policía Local pola organización de todo o dispositivo de seguridade, aos voluntarios de Protección Civil, ao servizo de Medio Rural da brigada de Ribadeo, e cómo non á Garda Civil e a todo o persoal da Xunta de Galicia, tanto aos vixiantes da praia como aos axentes de Medio Ambiente, así como á Consellería de Medio Ambiente e o director territorial, que estivo aquí ata o último momento. A todos eles agradecerlles o seu traballo e a implicación para que a xornada discorrese con total normalidade”.
A concelleira de Turismo e Comercio subliñou que “habilitamos mil prazas de aparcamento, perfectamente sinalizadas, con iluminación e atendidas ata o remate do Eclipse Fest, o programa da TVG que se emitiu desde o entorno da praia das Catedrais entre as dez da noite e a unha da madrugada, e no que participaron Panorama City, 9Louro e Francisco. Tamén durante a mañá a televisión pública galega fixo parte da súa programación desde este areal. Grazas tamén a todos os profesionais que traballaron para facer chegar a imaxe desde Ribadeo para toda Galicia e a todos os medios de comunicación que viñeron a Ribadeo a cubrir a eclipse e a amosar o noso concello”.
E engadiu: “detrás da xornada de onte houbo moitos preparativos, moita organización e moita responsabilidade, pero mereceu a pena. A xornada discorreu con normalidade, sen ningún contratempo, tal e como estaba previsto, e esta cita contribuíu dun xeito moi especial á dinamización económica de Ribadeo, porque foron centos de persoas as que planificaron as súas vacacións arredor da eclipse para seguila desde a nosa vila. A todas elas tamén moitas gracias por escoller Ribadeo para vivir unha experiencia única”.

