Ribadeo convoca o concurso fotográfico “Que é para ti a igualdade? Mulleres que inspiran”

O Concello de Ribadeo, a través do CIM, pon en marcha unha nova edición do concurso de fotografía baixo o lema “Que é para ti a igualdade? Mulleres que inspiran”, co obxectivo de fomentar a reflexión e a creatividade arredor da igualdade e do papel das mulleres na sociedade.
A iniciativa convida á veciñanza a amosar, a través dunha imaxe, historias, persoas ou momentos que representen forza, igualdade e inspiración feminina no día a día.
O certame establécese en tres categorías: Categoría A para mozas e mozos de 12 a 17 anos; Categoría B para maiores de 18 anos; e Categoría C para centros de ESO e FP da localidade.
O prazo de presentación das obras estará aberto do 5 ao 17 de marzo de 2026 ata as 14:00 horas.
As persoas interesadas deberán enviar a súa fotografía en formato JPG ao correo electrónico cim@ribadeo.gal, indicando no asunto: Concurso fotografía igualdade + categoría.
Os premios serán os seguintes: Categoría A (12-17 anos), 300 euros; Categoría B (maiores de 18 anos), 400 euros; e Categoría C (centros de ensino), 100 euros en material escolar e un vale de 50 euros para a alumna ou alumno gañador.
Na dotación dos premios da categoría de centros colaboran A Lusitana e TopCad Ingeniería S.L., ás que o Concello agradece o seu compromiso coa promoción da igualdade.
As bases completas poden consultarse na web municipal www.ribadeo.gal e no taboleiro de anuncios da sede electrónica.
As obras seleccionadas formarán parte dunha exposición pública durante o mes de marzo. Desde o Concello animan á cidadanía a participar e compartir a súa mirada pola igualdade.

