Serán destinadas ao alugueiro a persoas menores de 36 anos.

Ribadeo contará con 6 vivendas públicas no casco histórico, que serán destinadas ao alugueiro a persoas menores de 36 anos.
Estarán situadas nos números 2 e 4 da rúa Bispo Veres e no 32 de Trinidade. A Xunta investirá na rehabilitación destes inmobles 2,3 millóns de euros a través do Plan Rexurbe. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas no perfil do contratante ata o vindeiro 19 de febreiro.
O alcalde, Dani Vega, sinalou que “na rúa Trinidade son dúas vivendas e en Bispo Veres son catro, que teñen vistas directamente á ría de Ribadeo e ao casco histórico, a todo este entorno no que nos atopamos. Si temos un concepto inversor, que o temos, si temos clara a vivenda, que a temos, e non quedarnos aquí senón traballar como estamos traballando no Concello para buscar posibilidades e construír vivenda, niso estamos e imos conseguilo”. E subliñou: “son dous obxectivos que nos tiñamos marcado como goberno e dúas respostas que lle estamos a dar á cidadanía cumprindo, que é como se deben facer as cousas”.
O rexedor agradeceu os investimentos realizados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Ribadeo. No acto tomou a palabra a titular deste departamento, María Allegue, que dixo que “o proxecto xa está colgado no perfil do contratante para que as empresas poidan presentar as súas ofertas”. E indicou que “esas 6 vivendas serán adxudicadas en réxime de alugueiro a inscritos no rexistro de demandantes do Concello de Ribadeo, coa peculiaridade de que terán preferencia os menores de 36 anos”. Allegue engadiu: “queremos revitalizar os cascos históricos e dinamizalos”.
A proxectista da actuación, Lucía Fernández, explicou en qué consistirán os traballos de rehabilitación destes tres inmobles, os materiais que se empregarán e a distribución e os espazos cos que contarán esas seis vivendas.
A esta visita acudiron tamén o director territorial da Consellería de Vivenda en Lugo, Marco Antonio Piñeiro, así coma as concelleiras Marta Saiz, Elena Sierra e Montse Seijo e o concelleiro Francisco José Silvent.

