Ribadeo conmemora o 25N cunha programación centrada na educación, a prevención e a participación.

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade, desenvolverá con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha programación dirixida especialmente á sensibilización das novas xeracións e á implicación da cidadanía na loita contra as violencias machistas.
A concelleira de Iguladade, Begoña Sanjurjo, explicou que “as actividades inclúen o contacontos Botiboti, dirixido ao alumnado de Educación Primaria de 6 a 12 anos, que se realizará do 23 ao 27 de novembro, e a xincana educativa Caso 016. A xincana contra a violencia de xénero, destinada ao alumnado de 1º e 2º da ESO, que terá lugar do 16 ao 20 de novembro na Biblioteca Municipal. Ambas propostas buscan facilitar a identificación das situacións de violencia, promover relacións igualitarias e achegar ferramentas de prevención e sensibilización adaptadas ás distintas idades”.
A edil ribandese contou que “a programación complétase coa iniciativa participativa Tecemos Liberdade, na que centros educativos, asociacións, colectivos e veciñanza están convidados a elaborar mandalas de gancho que se unirán para formar unha gran creación colectiva na Praza do 8M. Baixo a mensaxe Tecemos xuntas e xuntos un Ribadeo libre de violencias machistas, o proxecto simboliza a unión e o compromiso de Ribadeo na construción dunha contorna libre de violencia. O 25 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar na Praza do 8M a presentación desta obra colectiva e a lectura do manifesto institucional. Ademais, a fachada da Casa do Concello iluminarase de cor violeta como mostra do compromiso municipal coa igualdade e coa eliminación da violencia contra as mulleres”.
Sanjurjo subliñou que “con esta programación Ribadeo aposta pola educación como ferramenta fundamental de prevención e lembra que a loita contra a violencia de xénero require a implicación de toda a sociedade, máis alá dunha data concreta. Educar en igualdade, sumar participación e tecer liberdade son pasos imprescindibles para construír un Ribadeo libre de violencias machistas”.

