Ribadeo celebra hoxe os 40 anos de España na Unión Europea e rende homenaxe a Fernando Morán.

Ribadeo celebra hoxe os 40 anos de España na Unión Europea e rende homenaxe a Fernando Morán. O evento desenvólvese no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo.
O alcalde, Dani Vega, contou que “Ribadeo quere poñer en valor os 40 anos sendo Europa, unha celebración de 4 décadas de pertencer a Europa, un compromiso e unha vocación europea. Por iso un acto de celebración, de recoñecemento, de facer historia e seguir avanzando xuntos, creo que os Concellos debemos facer todos un acto reivindicando os compromisos europeos”.
O rexedor subliñou que “no día a día temos moi cerca as institucións europeas, no día a día temos moi cerca os fondos europeos. Moitas das inversións que está habendo hoxe en Ribadeo proveñen da UE, e poño como exemplo a inversión máis importante nos últimos 40 anos, que é o abastecemento da auga, 7,5 millóns de euros, unha inversión liderada polo Concello de Ribadeo e pola Xunta de Galicia, creo que é bo tamén recordar o que supón pertencer á Unión Europea”.
Vega contou que “hoxe celebramos un acto onde houbo unha mesa institucional na que estiveron o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o eurodeputado Adrián Vázquez e a subdirectora xeral de Relaciones coa Unión Europea, Mar Rodríguez. Tamén outra mesa de futuro, de xuventude, de compromiso, de aperturismo europeo, de seguir avanzando como UE e poñendo en valor tamén todo unha relación entre o conxunto dos estados membros. María Teijeiro, Antía Enríquez, Kevin López, Fernando García, Carolina Yáñez, Paula Rodríguez, son persoas que se formaron xa no conxunto de Europa, tamén iniciaron a súa carreira profesional no conxunto de Europa. É bo escoitalos, é bo seguir avanzando xuntos. E tamén queremos render unha homenaxe a Fernando Morán, que foi antigo ministro de Asuntos Exteriores de España, no goberno socialista de Felipe González, e que viña veranear moito a Ribadeo. Grazas a Fernando Morán estamos no conxunto de Europa. El foi ministro, foi a persoa que firmou a adhesión á Unión Europea e foi unha persoa que tamén fixo moito por Ribadeo é bo, e eu sempre digo que é de bo nacido ser agradecido, creo que tamén como pobo debemos recoñecer a persoa que fixeron tanto por Ribadeo”.
Dani Vega indicou que “o Miradoiro de Espiñadero non ten un nome moi significativo e quixemos poñer nese espazo, onde paseaba por esa zona na que contemplaba a ría, dedicarlle un espazo moi agradable, moi bonito, que o temos moi coidado, queremos dedicarlle ese espazo a Fernando Morán”.
E engadiu: “este foi un acto moi completo onde quixemos analizar dende a administración, dende as institucións, tamén darlle voz á mocidade, ao futuro que avanza co moita forza, e tamén nunca esquecendo esas persoas que puxeron os primeiros grans de area, esas persoas que nos seus cargos aproveitaron perfectamente facer de España un estado membro dentro da Unión Europea. É un acto recoñecendo e poñendo en valor os 40 anos de historia e tamén dicir con moita claridade que son décadas de pertenza a Unión Europea cun compromiso e cunha vocación clara”.

