Ribadeo celebra a XII edición de “Letras no Campo”, a Feira Ribadense do Libro

O Campo de San Francisco acollerá os días 22, 23 e 24 de maio unha nova edición de “Letras no Campo”, a Feira Ribadense do Libro, organizada polo Concello de Ribadeo, cun amplo programa de actividades culturais arredor da literatura galega, a promoción da lectura e o encontro entre creadoras, creadores e público.
A XII edición de Letras no Campo converterá Ribadeo nun gran espazo aberto á palabra, aos libros e á cultura galega durante tres xornadas cunha programación diversa pensada para todos os públicos. A cita reafirma o compromiso do Concello coa dinamización cultural da vila, o apoio ao sector do libro e o fomento da lectura.
Ao longo da feira desenvolveranse presentacións literarias, encontros con autoras e autores, obradoiros infantís, actividades didácticas, actuacións musicais, divulgación histórica e propostas participativas que achegan a cultura á cidadanía dun xeito próximo e dinámico. A programación destaca pola variedade de estilos e temáticas, desde a narrativa contemporánea ata a saúde, a memoria histórica, a ilustración ou a literatura infantil.
Entre os nomes destacados desta edición figura Abril Camino, premio Xerais de Narrativa 2025 e encargada do pregón inaugural, ademais de autoras e autores como María Solar, Paloma García Méndez, Lois Pérez, Farruco Graña, Monse Fernández, Vanesa Arizmendi ou o doutor Manuel Viso, entre outros representantes do panorama cultural galego.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que “Letras no Campo é unha cita xa consolidada no calendario cultural de Ribadeo”. Sanjurjo sinalou ademais que “esta feira permite achegar a literatura galega á veciñanza dun xeito próximo e dinámico, convertendo o Campo de San Francisco nun espazo de encontro arredor dos libros, da creación e da cultura”.
A edil ribadense puxo tamén en valor “o importante labor das librarías, editoriais, centros educativos e persoas creadoras que participan nesta iniciativa, contribuíndo a fortalecer o tecido cultural galego e o hábito lector entre a cidadanía”.
Un dos eixos destacados desta edición será “Letriñas no Campo”, unha programación específica dirixida á infancia e á mocidade con obradoiros, actividades creativas e propostas participativas que buscan fomentar o interese pola lectura e pola lingua galega desde idades temperás.
A feira contará ademais coa participación de distintas librarías e editoriais, así como coa colaboración de entidades culturais, centros educativos e institucións locais que contribúen a consolidar unha cita xa referente no calendario cultural da Mariña.
Entre os actos previstos figuran tamén actuacións musicais, obradoiros de ilustración e reciclaxe de libros, actividades de beatbox para público infantil e a entrega dos premios do Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2026, convocado pola Biblioteca Municipal El Viejo Pancho.
Desde o Concello de Ribadeo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración da lectura e da cultura galega, nun espazo aberto para compartir historias, ideas e emocións arredor dos libros.

