Ribadeo busca apoios na Xunta e na Deputación de Lugo para un campo de fútbol de herba artificial.

O alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, mantiveron un encontro coa SD Ribadeo e co Ribadeo FC para abordar esta cuestión.
O rexedor explicou que “tivemos unha reunión coa SD Ribadeo e co Ribadeo FC para xestionar e para traballar en conxunto por un novo campo de herba artificial. O obxectivo é ese, ter un campo de herba artificial. A necesidade ven desde hai moito tempo, non é de agora. A urxencia ven de hai moito tempo, non e de agora. E desde logo nosoutros non queremos poñer ningún tipo de disculpa. É verdade que levamos só 2 anos, houbo moito que facer, hai que priorizar e xestión vai deso, de saber priorizar e saber as necesidades”.
Vega dixo que “as necesidades na área de Deportes son moitas. Por iso non só estamos traballando en conxunto coa SD e co Fútbol Club para ter un novo campo de herba artificial, senón xa toda a inversión que se fixo no Pepe Barrera ou tamén coas outras disciplinas deportivas, traballar para ter arranxado o pavillón que está situado na rúa Alfredo Deaño, tamén o pavillón de Cubellas, e dende logo todas as instalacións deportivas nas que durante estes anos fomos facendo inversión que vai en concepto de conservar o que hai e tamén mellorar o que estaba completamente destrozado ou abandonado”.
O alcalde subliñou: “unha mensaxe clara, campo de herba artificial para Ribadeo. Desde o Concello vamos loitalo constante e permanentemente. E agradecemos á SD e ao Ribadeo FC todo o apoio que nos están dando. Xuntos é como se fan as cousas, como se conseguen as cousas, e evidentemente, desde un traballo leal e constante é como vai vir un novo campo de herba artificial para Ribadeo. Vamos instar a Xunta de Galicia a que nos axude, que colabore con nos para ter este campo de herba artificial. Xa enviamos unha solicitude á Deputación e de momento non nos contestou”.
Dani Vega agarda que o apoio institucional sexa unha realidade: “esperemos que as institucións estean á altura, que traballemos sí conxuntamente, pero as administracións deben colaborar para que Ribadeo tamén siga avanzando na mellora das instalacións deportivas”.

