As obras comezarán en breve.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, agradece a colaboración da Consellería do Mar e de Portos de Galicia para proceder á mellora da rúa Buenos Aires. As obras comezarán en breve. Marta Villaverde e José Antonio Álvarez visitaron hoxe o porto ribadense para dar a coñecer o proxecto de auditoría enerxética que está a levar adiante Recursos de Galicia.
O rexedor contou: “visítanos a conselleira do Mar e agradecemos moitísimo a súa visita, é verdade que estamos a facer moitas cousas conxuntamente coa Consellería, con Portos de Galicia, e esta é unha visita tamén para poñer en valor toda unha industria que temos en Ribadeo. Visitamos o grupo Nogar, estamos a traballar Xunta, Concello e o propio grupo para a eficiencia enerxética, para poñer en valor toda esa inversión de enxeñería, de colaboración económica e poñer de manifesto que as empresas tamén entran nesa profesionalización e nesa mellora da eficiencia enerxética a través da enxeñería, a través de plataformas dixitais utilizando ferramentas de vangarda, modelos produtivos de consumo, de almacenamento e de rendabilidade”.
Vega dixo: “baixo estes criterios as empresas poden solicitar a colaboración da administración, unha colaboración entre Xunta e empresas, e polo tanto disto é do que nos beneficiamos tamén os concellos. Sen modelos produtivos, sen modelos económicos, sen empresa, non pode ser posible tampouco a creación de emprego. Ribadeo, que traballa nunha estratexia para poñer de manifesto que os sectores produtivos, que a vivenda, que os servizos básicos fundamentais entran todos nunha estratexia conxunta de municipio. Agradecemos a colaboración da Consellería, dámoslles as grazas a todas as empresas por seguir apostando por Ribadeo, por seguir apostando por esta comarca”.
O alcalde subliñou: “e tamén agradecemos á Consellería do Mar a colaboración económica para renovar toda a Rúa Buenos Aires. Son 450.000 euros, xa está adxudicada a obra a unha empresa local de Ribadeo e en breve comezarán as obras. Evidentemente, cando hai unhas obras hai molestias, cáusase sempre algún tipo de confusión, xa que algunha persoa se vai atopar coa rúa cortada, pero hai que pensar que é por mellorar unha rúa que está destrozada, tanto o pavimento como as beirarrúas, carece dunha rede de saneamento e de abastecemento de auga. Eu creo que renovar e mellorar as infraestruturas, como facemos noutros puntos, é a liña que hai que seguir. Non podemos ir todo rápido que queremos porque evidentemente os recursos son os que son, pero neste caso, coa colaboración da Xunta, que agradecemos moitísimo, unha colaboración de 450.000 euros, 100 % financiada pola Xunta, ao Concello evidentemente axúdalle moitísimo”.
Dani Vega engadiu: “vamos seguir colaborando, vamos seguir xestionando moito orzamento para o noso Ribadeo e agradecemos á conselleira todo o traballo, como tamén, lle agradezo ao anterior conselleiro Alfonso Villares esta colaboración, porque cando empecei a xestionar isto, el estaba de conselleiro. Agradézolle todo o que traballou por Ribadeo durante a súa etapa e vamos seguir colaborando con esta Consellería e con esta conselleira”.

