Ribadeo agradece a achega da Deputación para proceder á mellora da área recreativa de Vilela.

Ribadeo agradece a achega da Deputación de Lugo para proceder á mellora da área recreativa de Vilela. Son 27.000 euros, que se suman aos case 60.000 que destinará o Concello. O alcalde, Dani Vega, destacou o traballo conxunto entre as administracións implicadas e a asociación veciñal.
O rexedor dixo que “ é unha moi boa noticia para Ribadeo, unha moi boa noticia para os veciños de Vilela. O proxecto conxunto, o proxecto que redactou o Concello de Ribadeo, que se presentou ante a Deputación é un proxecto de 82.000 euros. A Deputación achega 27.000 euros, o Concello pon cerca de 60.000”.
Vega subliñou que “este proxecto leva o selo da asociación de veciños de Vilela, grazas polo seu traballo, polo que realiza constantemente na reivindicación de investimentos para Vilela, e neste caso na colaboración co Concello de Ribadeo. Hai que destacar que con aquelas parroquias e lugares que teñen asociacións lévase adiante un traballo moi coordinado co Concello e iso evidentemente tradúcese en feitos”.
O alcalde manifestou: “esta boa nova para Vilela suporá que pasarán de ter unha área recreativa, que cando chegamos ao goberno era un lameiro concretamente, xa coa Xunta de Galicia investimos 7.000 euros para mellorar o espazo e traballando conxuntamente conseguimos que a Deputación achegue 27.000 euros e o Concello 60.000”.
Dani Vega tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Lugo: “teño que trasladar o meu agradecemento ao deputado de Barreiros, Dani García, por este traballo, por entender e comprender que as administracións deben colaborar. Nós non temos problema con ningunha, xestionamos orzamento con todas en beneficio do noso concello. Iso é o único que nos move. Moitas grazas á asociación de veciños por este traballo que fai, que seguimos colaborando con toda a zona rural, pero hoxe esta nova inversión que ven para Ribadeo leva o selo, leva o traballo da asociación de veciños de Vilela e a colaboración do titular do espazo, que é o Concello, e tamén da Deputación, concretamente grazas a Dani García, que é deputado, que é de Barreiros, pero traballa conxuntamente con este Concello”.

