Faino na que vai desde O Viso a San Fernando, na parroquia de Cedofeita.

Ante o risco de lumes polas altas temperaturas o Concello quere ter estas vías en perfectas condicións.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “dentro do Plan Avanza Rural hai dúas liñas de inversión. A primeira delas é un plan trazado e de inversión, evidentemente, unha partida presupuestaria moi importante para mellorar as nosas vías de comunicación, a rede viaria principal do noso concello. E outra parte, é coa que actuamos, dentro deste plan, nas pistas de concentración e nas pistas forestais”.
O rexedor contou que “nas pistas de concentración xa actuamos en todas as parroquias da nosa costa, tamén do interior, aínda nos queda algunha actuación, e agora tamén estamos actuando nas pistas forestais. Evidentemente, empezamos pola zona onde sufrimos maioritariamente os incendios, en Cedofeita, onde houbo que planificar o que estamos a facer. Primeiro, sacar toda a madeira e iso durante estes anos foron retirando toda a madeira que se queimou, foron moitas as toneladas, e as pistas sufriron, aínda que foron facendo os arranxos, os madeiristas obrigados polo Concello a actuar, pero hai que facer unha inversión agora, tal e como xa estaba planificada nunha pista importantísima, que é desde O Viso a San Fernando. Esta actuación coa colaboración 100% da Xunta de Galicia o que quere é mellorar as pistas, planificar un traballo constante e continuo no tempo e non encontrar as pistas como cando sufrimos os incendios e chegaron as máquinas e por esta pista non se podía pasar literalmente. E outras moitas estaban sen arranxar”.
Vega subliñou: “nosoutros pouquiño a pouco vamos facendo unha planificación, todo non se fai nun día, todo non se fai tan rápido como queremos, pero si que sendo constantes, traballando, planificando e xestionando inversión as cousas van saíndo. Esta pista, que é importantísima, xa que vertebra todo o que vén sendo o monte de Cedofeita, incluso tamén dá servizo para Piñeiro, eu creo que é unha actuación importante. Financiado o proxecto e liderado pola Xunta de Galicia, estamos actuando nestes momentos e vamos a seguir traballando nesta planificación de inversión e de mellora dos nosos camiños, tamén no sector forestal. Estamos observando o que está pasando noutros puntos cos incendios e nosoutros queremos ter as nosas pistas conservadas. E tamén no plan que xa estamos actuando de desbroce nas distintas parroquias e vamos seguir durante todos estes meses e incluso vamos actuar en mais zonas nas que non se actuaba con anterioridade. Planificando, traballando e xestionando é como se avanza”.

