Ribadeo acolleu este sábado o I Foro Alzheimer.

Ribadeo acolleu este sábado o I Foro Alzheimer.

Ribadeo acolleu o I Foro Alzheimer cunha xornada dedicada á información, apoio e recursos para familias e coidadores. Foi organizado pola Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello ribadense e desenvolveuse no Salón dos Alcaldes entre as dez da mañá e as sete da tarde. O foro contou coa colaboración da Xunta de Galicia e das asociacións AFALU Lugo e AFÁN Burela, entidades de referencia no apoio ás persoas con alzheimer e outras demencias. 

Entre os contidos abordados no amplo programa que tivo lugar durante toda a xornada figuran os retos actuais arredor do alzheimer, así como as ferramentas de apoio emocional e acompañamento para familias e persoas coidadoras. Participaron como conferenciantes a doutora Malfeito, xefa de xeriatría do HULA, e Jessica Díaz, psicóloga sanitaria de AFALU. Houbo tamén unha mesa redonda de familiares que compartiron as súas experiencias persoais, un taller corporal e de respiración impartido por Lucía Erice, do Carboeiro, así como unha mesa informativa sobre recursos e servizos dispoñibles por parte das asociacións colaboradoras.

O Concello de Ribadeo agradece a asistencia e a participación neste I Foro Alzheimer “no que centramos a mirada na información, no apoio e nos recursos cos que poden contar as familias e os coidadores”.

Ir o contido