Ribadeo acollerá do 18 ao 20 de decembro o I Encontro de Asociacións para dar visibilidade ao tecido asociativo local. destacado e centrado.

O Concello de Ribadeo organizará os días 18, 19 e 20 de decembro de 2026 o I Encontro de Asociacións de Ribadeo, unha iniciativa que nace co obxectivo de recoñecer, visibilizar e poñer en valor a importante labor que desenvolven as asociacións e entidades sen ánimo de lucro na vida social, cultural e comunitaria. O Campo de San Francisco acollerá esta primeira edición, que reunirá entidades de diferentes ámbitos nun espazo de encontro, participación, divulgación e intercambio coa cidadanía.
O encontro celebrarase no Campo de San Francisco, que se converterá durante esas tres xornadas nun espazo aberto á participación cidadá, no que as entidades participantes poderán dar a coñecer os seus proxectos, actividades e iniciativas, compartir experiencias e achegar á veciñanza o traballo que realizan ao longo de todo o ano.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, indicou que “a iniciativa pretende ofrecer un escaparate do amplo e diverso tecido asociativo de Ribadeo e da súa contorna, abrindo tamén a participación a entidades procedentes doutros puntos de Galicia, Asturias ou outras comunidades. Poderán estar representados ámbitos moi diversos, como o cultural, deportivo, educativo, veciñal, social, asistencial, ambiental, xuvenil, recreativo ou festivo. Trátase dunha rede de participación que contribúe de maneira decisiva ao dinamismo dos municipios, á conservación das tradicións e do patrimonio, á promoción de hábitos saudables, á inclusión social, á solidariedade e á cohesión da comunidade”.
A edil ribadense contou que “durante o encontro, as asociacións disporán dun espazo propio no que poderán presentar a súa actividade, divulgar os seus obxectivos, expoñer proxectos e materiais, organizar propostas participativas e desenvolver actividades de sensibilización, demostracións ou obradoiros. Así mesmo, poderán realizar exposición e venda de produtos vinculados aos seus fins sociais e destinar os ingresos obtidos ao desenvolvemento das súas actividades e iniciativas”.
E subliñou que “o Concello busca, deste xeito, favorecer o coñecemento mutuo entre as entidades, crear novas oportunidades de colaboración e achegar o seu traballo á cidadanía, facilitando tamén que as persoas interesadas poidan coñecer as distintas formas de participación e implicación na vida asociativa”.
O horario de apertura ao público será o seguinte:
- Venres, 18 de decembro: de 17.00 a 21.00 horas.
- Sábado, 19 de decembro: de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas.
- Domingo, 20 de decembro: de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas.
Marta Saiz explicou que “as entidades interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude desde o 23 de novembro ata o 6 de decembro de 2026, ambos os días incluídos, de acordo coas bases reguladoras aprobadas polo Concello”.
As bases de participación, nas que se recollen os requisitos, o procedemento de solicitude e as condicións de participación, estarán dispoñibles para a súa consulta na sede electrónica do Concello de Ribadeo.
Con esta primeira edición, o Concello de Ribadeo quere impulsar un espazo de visibilidade e recoñecemento para as asociacións, entendendo que o seu labor é unha peza fundamental na construción dunha sociedade máis participativa, dinámica, solidaria e cohesionada.
O I Encontro de Asociacións aspira a converterse nunha cita para compartir, coñecer e celebrar a diversidade e a riqueza do movemento asociativo, así como para reforzar os vínculos entre as entidades e a veciñanza.

