Programación de actividades da Biblioteca Municipal de Ribadeo

A Biblioteca Municipal de Ribadeo inicia este mes de setembro unha nova programación de actividades para fomentar a lectura, a reflexión e a participación da comunidade.
Entre as propostas destacadas:
- Club de lectura galego/castelán: Hoxe, ás 18:00 horas, comentarase A noite das cebolas de Rosa Aneiros, contando coa participación virtual da autora.
- Club de lectura en francés – Cafés Littéraires à la Bibliothèque: O venres 19, ás 17:45, analizarase Les yeux jaunes des crocodiles de Katherine Pancol.
- Charlas, coloquios e obradoiros con Amarinha.gal: O venres 19, ás 19:00, terá lugar a sesión “As máquinas escollen por ti. Que vas facer ao respecto? Contra-algoritmia e soberanía dixital”. Esta actividade está pensada para achegar ao público en xeral o funcionamento dos algoritmos e a súa influencia na vida cotiá, mellorando a comprensión sobre o control que poden exercer as plataformas dixitais.
Obradoiro de escritura creativa: O martes 30, ás 17:30, arrinca un novo obradoiro coordinado por Lucía Ferro, destinado a desenvolver a creatividade e a expresión escrita.
A Biblioteca Municipal seguirá programando novas actividades ao longo do curso, cunha aposta firme pola cultura, a formación e a participación cidadá.

