Preto de 150 alumnas e alumnos de 3º da ESO e de FP Básica asistirán este xoves e este venres ás charlas sobre novas formas de fumar que organiza o Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos.

Preto de 150 alumnas e alumnos de 3º da ESO e de FP Básica asistirán ás charlas sobre as novas formas de fumar que organiza o Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos do Concello de Ribadeo.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, explica que “organizamos unha charla para o alumnado de 3º da ESO e FP Básica sobre as novas formas de fumar (vapers, snus, bolsas de nicotina, etc.). Xa abordamos esta cuestión o curso pasado e volvemos agora ante a crecente presenza e normalización destes produtos entre adolescentes”.
A edil ribadense indica: “moitas veces son percibidos como menos perigosos que o tabaco tradicional, pero presentan riscos importantes para a saúde e poden xerar dependencia temperá á nicotina. Esta actividade pretende ofrecer información veraz e adaptada á idade do alumnado, fomentando a prevención e a adquisición de hábitos saudables dentro do ámbito educativo”.
En total impartiranse seis charlas os días 26 e 27 de marzo, ás que asistirán 144 alumnas e alumnos dos seguintes centros de ensino: IES Dionisio Gamallo, colexio Sagrado Corazón e CIFP Porta da Auga.
A encargada de impartir as conferencias será Noa Rey Torres, farmacéutica experta en Tabaquismo, conta con Máster en Tabaquismo e Máster en Marketing Dixital e Social Media, é secretaria do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo e tamén secretaria da Sociedade Española de Especialistas en Tabaquismo.

