Servizos para o emprendemento

Concello de Ribadeo

Servizos para o emprendemento

O Concello de Ribadeo, consciente da necesidade de desenvolver o espírito empresarial a nivel local, conta cun servizo de titoría personalizado para apoiar e asesorar a túa idea de negocio e para que este chegue a converterse nunha empresa viable, de calidade e con sentido de futuro.

O noso traballo neste senso realízase a través de:

Promoción da cultura emprendedora, con actividades deseñadas para poñer en valor o emprendemento e para xerar unha nova cultura empresarial.

Información e apoio a todas aquelas persoas que desexen instalar a súa empresa no concello.

Asesoramento para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais que supoñan a creación de emprego, a diversificación da actividade económica do territorio e unha maior oferta que satisfaga as novas demandas da poboación. Neste senso informamos sobre as formas xurídicas, os trámites de constitución de empresas, a lexislación vixente… ao tempo que prestamos asesoramento na tramitación de axudas e subvencións e na procura de financiamento.

Difusión das oportunidades e das potencias de negocio en Ribadeo, a través dunha serie de medidas entre as que destaca a edición de guías especializadas.

Guías para o teu negocio

O sector servizos ten un peso significativo dentro da nosa economía local, especialmente o comercio polo miúdo, que posúe unha importante potencialidade de crecemento.

Identificando as novas oportunidades de negocio queremos achegarlle á poboación recursos para diversificar o comercio polo miúdo, de cara a paliar as súas posibles carencias e a promover o autoemprego na nosa localidade.

Con esta finalidade, e logo de analizar as necesidades do comercio local, o Concello de Ribadeo editou 5 microguías dirixidas a detectar oportunidades de negocio concretas a partir da situación actual do comercio en Ribadeo e a facilitarlle ao emprendedor/a unha información específica para concretar aspectos fundamentais da empresa que quere crear. Podes descargalas aquí:

Microguía para café-bar e ludotecasMicroguía para tendas de reparación de calzadoMicroguía para tendas de alimentación especializadaMicroguía para tendas de modaMicroguía para tendas de produtos de perruquería e estética

Xunto con estas microguías editouse tamén unha Guía xeral de actividade que ofrece información básica para a posta en marcha dun negocio no eido do comercio polo miúdo (formas xurídicas, trámites, calidade no pequeno comercio e lexislación no eido comercial).

Guía xeral de actividade

ADL

Concello de Ribadeo

ADL

Desde a área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo concibimos o territorio non só como un espazo físico senón como un actor clave no proceso de desenvolvemento, un verdadeiro axente de transformación social no que conflúen trazos socioculturais, históricos, económicos e ambientais propios. Todos eles conforman os recursos que representan o noso potencial.

O noso obxectivo é artellar adecuadamente estes recursos afrontando o reto de crear novas sinerxías no territorio que nos permitan aumentar a calidade de vida da cidadanía. Así, coordinamos as nosas actuacións cos diferentes axentes locais desde un enfoque integral e co fin de favorecer ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

Neste senso, a nosa finalidade principal é modificar o entorno produtivo, social e territorial co fin de incrementar a calidade de vida da comunidade local a través de:

Promoción do desenvolvemento económico local e do emprego.

Transformación do tecido económico local, potenciando a súa eficacia.

Fomento da diversificación económica local e incremento do valor engadido das actividades locais existentes a través da promoción de novas actividades económicas, tendo en conta as diferentes potencialidades e demandas do territorio.

Favorecer o mellor aproveitamento dos recursos locais, reais e potenciais.

Valorización do patrimonio histórico e natural como activo para o desenvolvemento local.


Patrimonio

Concello de Ribadeo

Patrimonio

O esplendor económico de Ribadeo no pasado ou a proliferación de construcións indianas son algunhas das razóns que explican a riqueza do seu patrimonio cultural e a declaración do seu núcleo antigo como BIC en 2004. Aquí tes un pequeno resumo das súas manifestacións máis relevantes e a posibilidade de empregar un buscador para ampliar información.

Comezando polo patrimonio arqueolóxico, no municipio identificáronse oito localizacións relacionadas coa cultura castrexa (VI aC-IV dC), tanto na costa coma no interior, aínda que non foron ocupadas de maneira simultánea. Entre elas destaca o castro das Grobas, que está preto de Insua, na parroquia de Vilaselán. Moito máis antigo é o xacemento paleolítico de Louselas que é posiblemente o depósito máis antigo da cornixa cantábrica, posto que se lle estima unha antigüidade de 300.000 anos. Os útiles achados (máis de 200 por agora) son sobre todo bifaces, raspas e outras ferramentas elaboradas con cantos rodados da Ría.

Un dos vestixios máis importante dos achados nesta comarca é o diadema de Ribadeo, que se considera como un dos restos máis importantes da ourivería castrexa peninsular.

Cronoloxicamente, o edificio relixioso máis antigo dos conservados no concello de Ribadeo é a capela de Atalaia xa que, malia as alteracións das que foi obxecto por mor da súa reconstrución a comezos do século XX, data do século XII. Outros dos edificios emblemáticos do patrimonio relixioso ribadense son o santuario das Virtudes (Arante) e o convento de Santa Clara (Ribadeo). O primeiro, que pertence ao século XIV, conserva bastantes elementos medievais e un magnífico conxunto de pinturas murais que reflicten episodios da vida de María. O segundo, conserva como partes máis antigas a súa igrexa de nave única, do XV, e un fermoso claustro do XVIII.

Os pazos conforman o conxunto máis relevante e numeroso do patrimonio civil ribadense, a meirande parte deles concentrados na súa vila. Un dos máis antigos é o de Cedofeita, fundado por Lope García de Cedofeita entre finais do XV e comezos do XVI e rodeado por un recinto amurallado. Xa no século XVIII foi construído no centro da vila, a carón da antiga fortaleza medieval, o pazo de Ibáñez, hoxe sede da casa consistorial ribadense. Destaca tamén o de Quinta Longa, en Santalla de Vilausende.

Foi a comezos do século XX cando se ergueu o que hoxe é o edificio máis representativo de Ribadeo, construído en 1905 por dous irmáns emigrantes e bautizado como a Torre dos Moreno, por ser este o elemento que máis destaca da construción.

No eido do patrimonio militar o castelo de San Damián, construído a comezos do século XVII a poucos metros do miradoiro do Cargadoiro polo marqués de Cerralbo, é o mellor exemplo desta arquitectura no concello.

Patrimonio por parroquias


Guía de enderezos útiles

Concello de Ribadeo

Benestar

Transportes


Sindicatos e Asociacións Empresariais

Avenida de Galicia, 20-2ª Baixo
27700 Ribadeo
Teléfono: <a href=”tel:+34982129261″>982 129 261</a>

Avenida de Galicia, 20-Baixo
27700 Ribadeo
Teléfono: 982 130 506

Avenida de Galicia, 20-2ª planta
27700 Ribadeo
Teléfono: <a href=”tel:+34982130615″>982 130 615</a>

Punto integrado no Servizo Galego de Colocación
Avenida de Galicia, 20-2º planta
27700 Ribadeo
Teléfono: 982 130 535
Fax: 982 130 534
Correo electrónico: ribadeoa r@celugo.es

Peirao de Porcillán s/n
27700 Ribadeo
Teléfono: 982 128 100
Web: www.cofradiaribadeo.org
Correo electrónico cofradia@cofradiaribadeo.org

Praza Calvo Sotelo
27715 Ribadeo
Teléfono: 982 123 007

Seguridade

Saúde

Medios de comunicación

Emprego

Educación

Comunicacións

Outros


Poboación

Concello de Ribadeo

Poboación

Ribadeo posúe na actualidade 9.704 habitantes distribuídos en 12 parroquias. Ofrecémosche aquí un breve resumo da evolución histórica da súa demografía e dos trazos que mellor definen a poboación actual.
Segundo o último padrón oficial (INE, 2007), Ribadeo alcanza nestes momentos o seu máximo histórico de habitantes, con 9.704 persoas, cifra que indica que o concello tivo un saldo positivo de 857 habitantes dende comezos do século XX (8.847 en 1900) ata hoxe.

O ascenso demográfico non foi, con todo, continúo, senón que se contabilizaron tres momentos de recesión. O primeiro deles produciuse na década 1910-20, como consecuencia da primeira vaga de emigración a países de ultramar, mentres que o segundo, que se prolongou entre 1940 e 1970, se explica de novo pola emigración, sumándose tamén nesta nova etapa, como lugares de destino, as grandes cidades industrializadas de España e Europa.

Logo dunha lixeira recuperación na década dos 70, motivada sobre todo polo aumento da natalidade, volveuse producir una pequena recesión entre 1981 e 1991 de xeito que, neste último ano, se rexistraba a cifra máis baixa de habitantes de todo o século XX: 8.761.

Dende entón a evolución demográfica de Ribadeo defínese por un certo estancamento, aínda que con tendencia á alza.

Os habitantes no territorio

A densidade de poboación do municipio é de 89,1 habitantes por quilómetro cadrado, unha media que supera notablemente á comarcal (43,5) e á provincial (36), ocupando así o posto número 7 entre os concellos lucenses de maior densidade. Con todo, sitúase algo por debaixo da media galega (93,7).

A distribución territorial dos habitantes é bastante desigual e, malia que a poboación se atopa bastante dispersa, a maior concentración localízase en Ribadeo, cunha densidade de 2.540 habitantes/km2. O resto das parroquias municipais presenta un grao de dispersión alto salvo nos casos de Vilaselán, Ove e Rinlo, que teñen unha parte das súas entidades concentradas arredor do núcleo urbano de Ribadeo, fusionándose con este e presentándose como parte da súa zona de expansión.

Arante, con 17,45 habitantes por quilómetro cadrado; Santalla de Vilausende, con 20,26; e Cedofeita, con 24,4, son as parroquias que presentan as densidades de poboación máis baixas.

Algúns indicadores demográficos

A distribución por sexos dos habitantes amosa un lixeiro predominio da poboación feminina. As mulleres, un total de 5.131, representan o 52,9% do censo fronte aos homes, que cunha cifra absoluta de 4.573 son o 47,1%.

Por idades, o grupo das persoas de 0 a 15 anos representa o 11,7% do total, os que teñen entre 16 e 64 o 63,9% e os maiores de 65 o 24,4%.

Nestes momentos o crecemento vexetativo é negativo, pois a taxa bruta de mortalidade (12,3‰) supera a de natalidade (7,5‰).

En canto á poboación estranxeira residente no concello, esta representa o 2,8% do total. Destos a comunidade brasileira e máis representativa, xa que supón un 32% da pobación extranxeira.


Economía

Concello de Ribadeo

Economía

A situación xeográfica de Ribadeo, no litoral da Mariña lucense, a súa condición de nó artellador das comunicacións por estrada con Asturias e a riqueza dos seus ecosistemas mariños e terrestres converten a este concello nun dos máis prósperos da súa provincia. Analizamos aquí os datos que nos informan sobre a súa situación socioeconómica actual.

En consonancia histórica co carácter comercial de Ribadeo e do seu porto, e reforzado polo crecemento experimentado polos servizos nas últimas décadas, o sector terciario mantense hoxe como o principal motor da economía local, cun 59,3% dos ocupados. O comercio, desde o que é polo míudo ata as grandes transaccións que teñen lugar no porto comercial, e os servizos vencellados á administración, profesións liberais, ocio, turismo… son os causantes de que Ribadeo exerza unha forte atracción económica sobre moitos dos seus concellos próximos, tanto sobre os da súa comarca como sobre os da franxa occidental asturiana.

O porto de Mirasol foi e segue sendo o grande motor comercial de Ribadeo e, dende 2004, grazas a que lle foi concedido un punto de inspección fronteiriza, é o único da costa de Lugo autorizado para o comercio con países externos á UE. Alí descárganse principalmente millo, sal e polpa de remolacha mentres que as mercancías que saen fóra son, sobre todo, area de mina, magnesita, aglomerado e celulosa.

O segundo sector en peso ocupacional é o secundario, que dá traballo ao 24,7% dos ocupados. Cunha distribución practicamente equitativa, o 12,4% dos seus empregados dedícase a actividades industriais, mentres que o 12,3% restante traballa no subsector da construción. O sector industrial está centrado na transformación agropecuaria (onde destaca a Sociedade Cooperativa Irmandiños), na madeireira e na elaboración de prefabricados de formigón, mentres que polo que respecta á construción cómpre destacar que esta actividade se sustenta, principalmente, na demanda de segundas residencias por causa do auxe turístico da Mariña lucense.

O sector primario, co 16% dos ocupados, ten un peso escaso no conxunto da economía local. Entre as caracteristicas fudamentais da agricultura e a gandería ribadense, cabe destacar o incremento no nivel de mecanización a partir dos anos 70, e o posterior proceso de concentración parcelaria nalgunha zona, favorecendo o incremento da productividade. Na actualidade a actividade agrícola e gandeira permanece nas parroquias de Arante, Couxela, Vilausende, Cedofeita e Covelas.

O sector primario ten na gandería, sobre todo no vacún de aproveitamento lácteo, e na produción forestal o seu principal sustento, xa que a pesca, co 2,2% dos ocupados, ten pouca relevancia. Con respecto a esta última actividade, centralizada nos portos de Porcillán e Rinlo, cómpre destacar que entre as especies de maior captura se atopan o polbo, a sardiña, a robaliza, o rape, a pescada, o percebe ou o ourizo, aínda que nos últimos anos gañaron tamén protagonismo a exportación de algas e a cría de ostras.

Boa parte da superficie cultivada do concello está dedicada a prados e pastos permanentes. Isto explícase por unha progresiva reorientación da agricultura de cara a atender a demanda crecente de forraxes para o gando.


Historia

Concello de Ribadeo

Historia

Aquí tes unha breve reseña dos acontecementos máis relevantes da historia ribadense, dende o asentamento dos seus primeiros poboadores ata os nosos días.

Aínda que pouco estudados, hai vestixios que corroboran a antigüidade do poboamento das terras de Ribadeo. Así o demostra o xacemento de Louselas (Vilaselán) onde se atoparon utensilios de pedra que datan do paleolítico. Entre os vestixios máis relevantes destacan tamén os restos das primeiras aldeas ribadenses, representadas polos poboados castrexos de Vilaselán, A Devesa, As Anzas ou Arante.

Neste contexto histórico apareceron fragmentos do famoso diademo de Ribadeo, considerado como a a peza máis importante que se coñece da ourivería castrexa en territorio galego.

O nacemento da vila e do concello

As lagoas informativas, que impiden trazar con máis detalle o devir histórico do termo na antigüidade, desaparecen en boa medida a partir da Idade Media, cando xa se dispón de máis información para reconstruír con fundamento algúns dos seus capítulos máis relevantes.

Cara a mediados do século XII a vila asentábase na enseada da Vilavella, pois o primitivo núcleo de Cabanela e Porcillán foi abandonado fuxindo dos ataque dos piratas nórdicos nos séculos IX e X. Por entón, no 1128 Afonso VII acometeu un reordenamento territorial no que se ampliaron as terras de reguengo á custa das do bispo de Mondoñedo. Por estas datas, no territorio que logo constituiría o alfoz de Ribadeo contabilizábanse 21 parroquias cunha densidade de poboación comparativamente elevada e unha actividade económica en alza.

O rei Fernando II decidiu, en 1183, elevar ao rango de vila o núcleo xa existente outorgándolle un foro cunha serie de privilexios destinados a favorecer o seu crecemento, entre eles a posibilidade de celebrar un mercado. Do interese da monarquía por favorecer a vila dan boa conta outras medidas posteriores, caso da ampliación, en 1202, do arrabalde ou zona rural sometida á xurisdición do núcleo urbano.

Así, Ribadeo foi adquirindo os elementos propios do ámbito urbano, como os conventos de San Francisco ou Santa Clara (siglos XIII-XIV) e mesmo se trasladou alí, por un espazo curto de tempo, a sé episcopal, que volvería a Mondoñedo definitivamente en 1233.

En 1369 o enfrontamento entre Pedro I o Cruel e Enrique de Trastámara rematou coa victoria deste último quen, nun acto de agradecemento, lle outorgou a vila de Ribadeo e o seu alfoz ao cabaleiro francés Pierre de Villaines, pasando así de atoparse este espazo baixo protección real a converterse, para todo o que atinxía ao seu goberno, nun condado. O beneficiario francés vendeullo máis tarde ao condestable de Castela, ao que lle foi confiscado en 1422 por Xoán II e este, pouco despois, doaríallo a Don Rodrigo de Villandrando. El e os seus descendentes deron orixe á Casa Condal de Ribadeo que, posteriormente, por vía de herdanzas e enlaces matrimoniais acabaría incorporándose ao titulo ducal de Hijar ata o século XIX.

A administración municipal do territorio xurdiu por vez primeira coa proclamación da Constitución de 1812, que creou os concellos de Ribadeo e Cedofeita. Trala posterior derrogación deste por parte de Fernando VII en 1823 e a conseguinte restauración do sistema feudal non se volveu a recuperar o municipalismo ata 1835. Con todo, a composición definitiva do termo ribadense, tal e como se coñece hoxe, non quedou definitivamente determinada ata 1843.

A chegada do século XIX marca un punto de inflexión decisivo entre o Ribadeo antigo e o moderno coa desaparición da muralla e doutras construcións que marcaran a vida da vila durante os séculos anteriores. Chegaron outras, moitas aínda hoxe visibles.

Porcillán e o auxe económico ribadense

Noutra orde de cousas, o devir económico de Ribadeo estivo sempre moi ligado ás diferentes etapas atravesadas polo comercio portuario de Porcillán, xa que o porto foi un dos motores da economía local.

Historicamente favorecido como principal porto do noroeste galego, Porcillán centrou a súa actividade no tráfico de madeira con dirección, fundamentalmente, a Sevilla e Lisboa ata ben entrado o século XVIII. A partir dese momento a autorización de importacións sen gravame de liño procedente do norte de Europa fixo que o comercio da madeira perdera relevancia en favor do téxtil, e, en menor medida, tamén do de sal e ferro.

O intenso tráfico da época propiciou a instalación dunha aduana neste porto, así como o asentamento na vila de numerosos comerciantes, a maior parte deles asturianos.

Despois de 1820, cando volveron a gravarse as importacións de liño e Galicia comezou a recibir en masa os tecidos cataláns, o tráfico comercial resentiuse notablemente e, con el, a economía da comarca ribadense. Con todo, Porcillán conseguiu sosterse durante o XIX grazas a que en 1840 se lle permitiu o comercio con América e tamén por mor da diversificación das súas importacións (coiros, abonos…).

A comezos do século XX foi clave para toda a Mariña Oriental a explotación das minas de limonita de Vilaodriz, na Pontenova, que se mantiveron activas ata 1965. A necesidade de transportar o mineral extraído dendo o xacemento ata o porto de Ribadeo propiciou a instalación dunha liña de ferro que foi empregada ao mesmo tempo para o transporte de pasaxeiros e que, malia o cese da actividade nas minas, mantivo este outro uso ata 1964.

O auxe económico ribadense reflectiuse na arquitectura, na apertura de novas rúas e na creación de numerosas sociedades culturais e cabeceiras xornalísticas que proliferaron de xeito especial a finais do XIX e XX.

No século XX

Cara ao 1915 constrúese a Torre dos Moreno, unha das obras arquitectónicas máis características de Ribadeo, edificio modernista que contaba -xa daquela- cun ascensor e sistemas de recollida do lixo por medio de canles internas. É a obra máis recoñecible dunha arquitectura moderna e cosmopolita que deixou gran pegada neste territorio.

Das sociedades que se crearon a principios do século XX aínda existen dúas: a Sociedade Filantrópico Dramática, propietaria do Cine Teatro (onde se organizaban unhas fantásticas veladas con artistas ribadenses como o cantante de ópera Manolo Corés e compañías de fóra); e a Sociedade de Socorros Mutuos A Concordia, unha organización de axuda mutua e protección social.

A inauguración da Ponte dos Santos en 1987 converteuse nun dos acontecementos de maior relevancia dos últimos tempos, en tanto que serviu como elemento dinamizador do sector terciario de Ribadeo, e de toda a comarca, ao facilitar o acceso rápido aos concellos da beira asturiana do Eo.


Espazos naturais

Concello de Ribadeo

Espazos naturais

O territorio ribadense posúe hábitats naturais de notable diversidade. Entre os espazos que sobresaen por esta riqueza destaca o da propia ría, incluída en Rede Natura 2000 como LIC xunto co río Eo; declarada ZEPA desde 1989; e Zona Húmida de Importancia Internacional inscrita no convenio Ramsar desde 1994. A todo isto hai que sumarlle o seu recoñecemento como refuxio nacional de caza desde 1983.
A ría de Ribadeo constitúe un lugar de grande importancia como área de paso ou refuxio invernal de numerosas especies anátidas e limícolas (corvo mariño real, garzota, garza real, pato asubión, certeta real, alavanco real, pato rabilongo, galiñola negra…), mentres que as súas augas posúen importantes poboacións de salmón, lamprea, reo, cangrexo de río ou mexillón de río.

En canto á vexetación, especies de repoboación como o eucalipto ou o piñeiro marítimo ocupan amplas áreas no interior do territorio, onde foron substituíndo progresivamente a outras especies autóctonas. Xa no litoral, atopamos diversidade de hábitats costeiros (estuarios, chans lamacentos intermareais, cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas…) e abundante vexetación halófila (pasteiros salinos atlánticos, pasteiros salinos mediterráneos, matogueiras halófilas termoatlánticas e mediterráneas…). As superficies rochosas están cubertas fundamentalmente por uceiras e matogueiras propias de zonas temperadas e flora común da costa atlántica.


Humidal Protexido: Ría de Ribadeo

O decreto 110/2004 do 27 de maio, no que se regulan os espazos naturais clasificados como Zonas Húmidas Protexidas para a Rede Natura 2000 en Galicia cataloga unha área de 563 hectáreas da Ría de Ribadeo como unha das cinco zonas húmidas protexidas das que existen actualmente en Galicia.

Á súa vez este espazo forma parte, desde 1994, do lugar Ramsar Ría de Ribadeo, que ocupa unha superficie de 1.192,2 hectáreas distribuídas polos termos municipais de Ribadeo, Vegadeo e Castropol (estes dous últimos en Asturias).

A ría de Ribadeo é un estuario formado na desembocadura do río Eo, aínda que tamén verten nela as súas augas outros cursos de menor entidade (río Grande, río Pequeno…). Predominan nel os hábitats intermareais de lodo e area, e os herbais halófilos ou subhalófilos. A súa parte máis abrigada proporciona acubillo a poboacións hibernantes de aves acuáticas e limícolas, constituíndo tamén un espazo ideal para diversas especies de flora de interese internacional.

Destaca pola súa diversidade de hábitats costeiros en bo estado de conservación, representados por diversas formacións vexetais (vexetación de marisma, chairas lamacentas intermareais, acantilados e matogueiras costeiras) e por constituír un lugar representativo para a rexión bioxeográfica atlántica de herbais salinos de Juncus maritimus e matogueiras salinas termoatlánticas.

LIC Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo traza o linde entre Galicia e Asturias cunha orientación sur-norte e unha lonxitude de 10 quilómetros. Presenta moi escasa profundidade media xa que, na baixa mar, afloran grandes bancos de area que producen cambios espectaculares no seu aspecto segundo o estado das mareas.

A delimitación desta área como Lugar de Importancia Comunitaria inclúe tamén á illa Pancha, situada na desembocadura do Eo, na boca da ría. A illa ocupa aproximadamente unha extensión de 1 hectárea, está cuberta de vexetación herbácea e presenta unha orografía moi escarpada e recortada.

En canto á súa localización xeográfica, a ría de Ribadeo pertence ás chamadas Rías Altas atendendo á magnitude dos seus cantís, xa que nestas rías o mar só invade o curso final do río que as conforma. Se atendemos á súa orixe tectónica, a de Ribadeo é a única de tipo mixto, é dicir, que na súa formación intervén máis dun factor xeolóxico determinado, como poden ser os movementos da terra, a erosión mariña sobre rochas previamente alteradas ou as elevacións e afundimentos que interveñen en todos os procesos de formación de rías.

Observacións
Pola riqueza dos seus hábitats a ría de Ribadeo atópase baixo varias figuras de protección:

Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral dende a publicación do decreto 157/1995 da Xunta de Galicia. Inclúe todo o curso do río Eo. Esta figura resérvase para zonas que merecen o réxime de protección por ter recoñecidos uns valores naturais, culturais, científicos ou educativos singulares que se amparan cun réxime compatible cos usos e actividades tradicionais de aproveitamento ordenado das produccións, sendo compensadas todas aquelas limitacións aos seus usos.

Convenio Ramsar asinado polo Estado español para a protección das zonas húmidas. Neste convenio inclúense zonas húmidas de importancia internacional de acordo coa súa riqueza ecolóxica, zoolóxica, botánica, hidrolóxica… moi especialmente como hábitat de aves acuáticas migratorias.

Zona de Especial Protección para las Aves (ZEPA) dende 1989. Considéranse con este réxime de protección aqueles espazos onde se atopan as medidas axeitadas para evitar a contaminación ou deterioro dos hábitats ou as perturbacións que afectan ás aves.

Refuxio de Caza dende 1983.

Punto de Interese Xeolóxico. A Rasa está recollida na publicación do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (1983) e catalogada como ‘de interese xeomorfolóxico, didáctico e rexional’. Teñen esta consideración aquelas áreas que amosan unha ou varias características consideradas de importancia dentro da historia xeolóxica dunha rexión natural.

Espazo natural protexido dende 1991.

Área de Importancia para as Aves. A ría de Ribadeo está decretada como Important Bird Area (número 8) polo Consello Internacional para a Conservación das Aves (ICBP), en colaboración coa Oficina Internacional para o Estudo das Aves Acuáticas e as Zonas Húmidas (IWRB) e a Sociedad Española de Ornitología. A ría de Ribadeo foi seleccionada por ser una importante zona de invernada e descanso migratorio de anátidas (parrulo rabudo, o pato asubión, cupón, lavanco…) e limícolas (pilro común, mazarico real…).

Espazo incluído en Rede Natura 2000 e na Directiva de hábitats dende 1992. No Eo podemos atopar os mellores bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña así como zonas pantanosas básicas.


Monumento Natural: As Catedrais

A praia das Catedrais, ademais de Lugar de Importancia Comunitaria, ten tamén a categoría de Monumento Natural, que se lle atribúe a espazos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial.

O decreto co que se declara esta praia como Monumento Natural establece as medidas de protección necesarias para asegurar a conservación deste espazo, que ten unha superficie de 28,94 hectáreas.

Observacións
Na parte superior dos cantís existe unha boa representación de uceiras e toxais aerohalinos entre os que destaca a presenza de Erica vagans, unha especie que en Galicia está restrinxida a algúns puntos do seu extremo setentrional.

Reserva da biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Burón

En setembro do ano 2007 a UNESCO, dentro do programa Home e Biosfera, aprobou a declaración do río Eo, Oscos e Terras de Burón como Reserva da Biosfera. Este espazo converteuse así na primeira reserva de España con carácter intercomunitario e promovida por iniciativa de dous gobernos autonómicos.

A área declarada ten unha superficie de 158.883 hectáreas (máis do 65% dese territorio é galego) e agrupa un total de catorce concellos (sete de cada comunidade autónoma) que suman preto de 33.000 habitantes. Conforma un contorno no que converxen valores paisaxísticos e medioambientais e no que atopamos paisaxes de media montaña (chega ata os Ancares), fluviais (co río Eo como eixe que vertebra este territorio) e marítimos (Cantábrico). A parte galega deste espazo está integrada polos municipios de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, mentres que as asturiana suma os concellos de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.

A parte galega deste espazo está integrada polos municipios de Ribadeo, Trabada, a Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, mentres que as asturiana suma os concellos de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.


Zona de Especial Protección para as Aves

O espazo formado polo río Eo e a ría que conforma na súa desembocadura representa un magnífico biótopo para numerosas especies de aves, característica pola que lle foi concedida a categoría de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en 1989.

Esta ZEPA, de 1.915 hectáreas de extensión, inclúe tamén unha zona de territorio asturiano, representando a parte galega unhas 613 hectáreas.

Considéranse con este réxime de protección aqueles espazos nos que se detectan medidas axeitadas para evitar a contaminación ou o deterioro dos hábitats ou as perturbacións que afectan ás aves.

En boa medida a ría de Ribadeo foi seleccionada por ser una importante zona de invernada e descanso migratorio de numerosas especies anátidas e limícolas (corvo mariño real, garzota, garza real, pato asubión, certeta real, alavanco real, pato rabilongo, galiñola negra…).


Territorio e clima

Concello de Ribadeo

Territorio e clima

O Concello de Ribadeo conta cunha superficie de 112,3 quilómetros cadrados. Está situado no extremo nordeste de Galiza e da provincia de Lugo, bañado polas augas do mar Cantábrico no norte e polas da ría de Ribadeo, que o separan de Asturias, no leste. Ao oeste fai fronteira co Concello de Barreiros e, no sur, co de Trabada.
A grandes trazos pode dicirse que o relevo ribadense, de formas suaves e escasa altitude, conforma dúas unidades morfolóxicas perfectamente definidas. Polo norte, e sobre o nivel do mar, discorre unha ampla chaira litoral que se corresponde coa denominada rasa cantábrica. Esta, vai de Asturias ata Foz alcanzando na zona de Ribadeo unha anchura aproximada de 3 quilómetros.

No resto do territorio (áreas central e meridional) o terreo elévase progresivamente ata alcanzar as maiores altitudes do municipio no alto de Mondigo (o pico máis alto con 570 metros) e no sistema montañoso de Penalonga (509), que marca o linde con Barreiros.

Entre a aliñación montañosa que forman estes cumios e outra de menor altura situada máis preto do litoral discorren as augas dos ríos que desaugan na marxe esquerda do Eo (Lexoso, Grande…). Por outro lado, na ladeira setentrional desta última aliñación nacen os cursos fluviais que verten directamente no mar Cantábrico e que discorren en paralelo de sur a norte (rego de Xulián, Capilla, dos Tacós, de Moreira), coa excepción do rego de Vilaselán, que transcorre con dirección sudoeste-nordeste.

En canto ao litoral, a acción mariña deu lugar á formación de multitude de enseadas que se intercalan con pequenos saíntes, farallóns, illotes e cantís, constituíndo paisaxes de gran beleza. Con todo, pode establecerse certa diferencia entre o sector costeiro máis oriental, que vai desde a illa Pancha ata a punta Corveira e que se mostra moi recortado, e o máis occidental, que presenta unha morfoloxía máis uniforme, case rectilínea e con praias moito máis amplas.

A continuidade da plataforma continental que se estende ao longo de toda esta fronte costeira rómpese no leste pola presenza da ría de Ribadeo. Esta última, que ten a súa orixe nun val fluvial que se encaixou na devandita plataforma, ten unha lonxitude de 10 quilómetros e unha profundidade escasa. Isto é así pola presenza de grandes bancos de area que afloran na baixamar, feito que ocasiona cambios espectaculares do seu aspecto en función das variacións da marea.

En canto á composición do chan, predominan os terreos de xistos formados por amplas louseiras, con niveis de cuarcitas e areas atravesados por filóns de cuarzo e un esporádico afloramento eruptivo nas proximidades de Rinlo.

Clima

Polo que ao clima respecta o de Ribadeo, que se atopa dentro do dominio oceánico húmido, presenta trazos similares aos do resto da Mariña lucense, con temperaturas suaves (a media está entre os 13-14ºC e a oscilación térmica anual rolda os 11ºC) e con precipitacións moderadas (arredor dos 1.000 milímetros anuais). Os invernos adoitan ser temperados e os verás frescos, aumentando as precipitacións canto maior é a proximidade ás zonas de montaña. Nestas rexístrase habitualmente unha notable influencia dos ventos cantábricos.

Ligazóns

Estación Meteorolóxica Pedro Murias (LU) a tempo real

Vilaselán

Concello de Ribadeo

Vilaselán

Situada no extremo nordeste do municipio, Vilaselán linda polo norte e polo leste co mar Cantábrico, con Piñeira e Ove polo oeste e con Ribadeo polo sur.

A súa superficie é de 2,12 km2 e presenta unha densidade de poboación relativamente alta (194,33 habitantes/km2) por mor da súa proximidade ao núcleo urbano da vila. Os seus 379 habitantes (INE 2024) agrúpanse en 14 entidades: As Barreiras (20 habitantes), O Campoxurado (30), As Casas de Abaixo (6), O Circo (31), A Cruz (47), A Eirexa (25), A Lodeira (20), O Outeiro (6), A Senra (16), O Cargadoiro (33), A Granxa (abandonado), A Torre (34), Os Galos (135) e O Espín (9).

Nun dos extremos desta parroquia atópase a Illa Pancha, situada na entrada da enseada de Vilaselán. Nas dúas últimas décadas algunhas das súas poboacións, como A Eirexa, A Senra, O Circo…, foron medrando ata rematar formando un continium coa vila de Ribadeo.
Algo de historia
No lugar de Louselas (a 15 metros de altitude e entre as coordinadas UMT aproximadas de 655638-4824310) atópase o xacemento de Louselas, de grande importancia tanto pola súa extensión como pola cantidade de restos atopados nel. Relacionado co paleolítico inferior (e adscrito máis concretamente ao achelense medio) o seu descubrimento débeselle ao prehistoriador José Manuel González Fernández-Vallés en 1971, así como a outros estudosos.

Equipamento

Escola de Vilaselán
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que conta con equipamento informático e acceso gratuíto a internet.

Festas

Festa da Virxe
Santo Antón

Praias

O Cargadoiro
Rochas Brancas

Patrimonio

Forte situado na boca da ría, a poucos metros do Cargadoiro, para a defensa desta e das súas poboacións. Está documentado en 1624, aínda que se sabe que anteriormente existira no seu lugar unha torre denominada a Torre Nova.

Foi construída a comezos do século XVII polo marqués de Cerralbo e é o mellor exemplo de arquitectura militar no Concello de Ribadeo. A súa misión era a defensa da entrada da ría ante posibles ataques por mar, sendo precisamente nunha destas incursións cando foi destruído, a mans dos ingleses, en 1719.

Aínda que en 1774 foi reconstruído de novo, un golpe asestado en 1809 volveuno converter en ruínas. Con posterioridade foi entregado ao concello para a súa restauración e hoxe funciona como sala de exposicións municipal, conservándose só, da súa antiga fábrica, o muro exterior co seu bastión, as troneiras, o foxo e os contrafortes.

Lugar

Parroquia: Vilaselán (Santa María)

Castro con tres foxos paralelos separados por parapetos. Un dos foxos está escavado na rocha e os outros dous rematan en cantís. A coroa está definida por terrapléns e na illa contigua atopáronse restos cerámicos.

Observacións

Está adscrito á idade de ferro romana e atópase no lugar coñecido como O Morgullón.

Lugar

Parroquia: Vilaselán (Santa María)

Restos dun antigo cargadoiro de mercancías.

A praia do mesmo nome conserva restos do punto de descarga do tren, denominado La Chocolatera, que a comezos do século XX conectaba Ribadeo cos fornos da zona mineira de Vilaodriz, na Pontenova.

Lugar

Parroquia: Vilaselán (Santa María)

Templo do século XVIII pechado cun muro de media altura construído con cachotaría de lousa. Presenta unha nave, presbiterio e sancristía e cuberta a dúas augas con falsa bóveda sobre catro arcos faixóns. No presbiterio ten arco triunfal e bóveda de aresta. Accédese por medio dunha porta con lintel e ornamentada cunha cornixa con moldura.

Lugar

Parroquia: Vilaselán (Santa María)

Neste lugar apareceron restos arqueolóxicos do paleolítico (achelense). Neste lugar tamén apareceu un torques celta achado en 1872.

Lugar

Parroquia: Vilaselán (Santa María)


Ir o contido